Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Últimos días da exposición do gravador tudense Xabier de Sousa "Onte e hoxe"

25/11/2009

ÚLTIMOS DÍAS PARA VISITAR A EXPOSICIÓN DO GRAVADOR TUDENSE XABIER DE SOUSA

 

Martes, 24 de novembro de 2009. A Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui acolle a exposición dos gravados do artista tudense Xabier de Sousa que realiza esta primeira exposición individual na cidade. A mostra poderá ser visitada na Sala Municipal de Exposicións /Edificio Área Panorámica, c/ Colón 2) ata o vindeiro día 29 en horario de apertura da Sala Municipal de Exposicións, de 09:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas. Os sábados pódese vistar de 09:00 a 13:00 horas.

 

Xabier de Sousa naceu en Tui no ano 1960 e posúe unha formación autodidacta no mundo da arte, ten realizado estudios de gravado en diversos talleres de Arte Gráfica da provincia de Pontevedra e de Lugo. Imparte cursos monográficos de gravado. Membro do grupo "Graph" (gravadores do sur de Galicia); impulsor e co-director do centro de gravado "+Obra gráfica galega" de Vigo e tamén do grupo de gravadores "Escara" (con sede en Lugo). Na actualidade é director do estudo de gravado "Chicorio" de Vigo.

 

Na súa longa traxectoria de exposicións, tanto individuais como colectivas, poderíamos destacar a súa participación en "Estampa" o Salón Internacional do Gravado de Madrid en varias edicións, ou na Bienal Internacional de Vilanova de Cerveira, foi seleccionado e certames artísticos en Europa e América, realizando numerosas exposicións en varios países europeos.

 

Obtivo o 1.º premio na VII Bienal do Eixo Atlántico. Foi seleccionado no VI Premi de Gravat Ciutat de Lleida, e participou no 1.º Salón Internacional de Arte Contemporáneo «Puroarte» (Vigo), na XIV Estampa (Salón Internacional do gravado e edición de arte contemporánea, Madrid). En 2007 foi seleccionado no Certame de Gravado «Máximo Ramos» (Ferrol), no Premio Nacional de Pintura «El Primero de Fariña» (Toro) e no I Premio Nacional de Gravado «Ciudad de Valladolid». As súas obras figuran no Museo Nacional do Gravado de Bos Aires (Arxentina), no Museo Municipal de Ourense, no Museo de Belas Artes «Lucas Braulio Areco» (Municipalidad de Posadas, Arxentina), no Museo San Telmo de Donostia (Guipúscoa), na Biblioteca Nacional (Madrid), na Deputación de Ourense e na Fundación Caixanova (Vigo). Foi finalista dos premios de artesanía 2008 e 2009 entre outras moitas distincións á súa obra.

 

Nesta exposición Xabier de Sousa realiza un percorrido pola súa traxectoria artística dende a súa primeira exposición no ano 1989, amosando a súa evolución e a calidade do seu traballo. Para o concelleiro de cultura do Concello de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, esta exposición de Xabier de Sousa é unha das grandes citas artísticas desta temporada na cidade de Tui, e resulta unha satisfacción para o Concello exhibir a obra dun importante artista tudense, de consolidada traxectoria, que enche coa súa capacidade creativa a Sala Municipal de Exposicións, cumprindo así un dos obxectivos desta Sala como é promover aos artistas locais. Pero, ao mesmo tempo neste oportunidade, a obra de Xabier de Sousa posúe unha alta calidade e capacidade de comunicación que suscitará, de seguro, o interese dos espectadores.