Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui súmase esta fin de semana á celebración das primeiras Xornadas Europeas do Camiño de Santiago

17/10/2019

Será co concerto Música en Camiño o sábado e coa proposta musical de Natashia Zürcher dentro Camiño A Dentro o domingo

O Concello de Tui súmase esta fin de semana á celebración das primeiras Xornadas Europeas do Camiño de Santiago promovidas pola Federación Europea dos Camiños de Santiago para resaltar o carácter integrador das rutas xacobeas. Unha iniciativa que promove a valorización do Camiño, da súa dimensión europea e do patrimonio cultural, tanxible e intanxible, que o singulariza e do que Tui é testemuña privilexiada da historia e da actualidade das rutas xacobeas.
En Tui será dobre a cita que poderemos gozar. 

Así este sábado, 19 de outubro, ás 18 h, a Catedral de Tui acollerá o concerto “Música en Camiño” organizado pola CEER, a Rede de Universidades da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Mentres este domingo, 20 de outubro, ás 12.30 h no Paseo da Corredoira a cantante e compositora Nastasia Zürcher achega a súa proposta musical titulada "Un camiño de fusión e liberdade” dentro do programa “Camiño A Dentro” promovido pola Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra.

Tamén estaba previsto que mañá sábado tivera lugar en Tui “Música e viño no teu camiño” programado por Eu Rural, con postos das adegas Quinta Couselo, Terras Gauda, Adega do Vimbio e Altos de Torona, e concerto de Best Boy, pero debido á previsión de choiva, este evento foi adiado para o domingo, 27 de outubro, ás 18 h na praza de San Fernando. 

Música en Camiño” é un proxecto promovido pola CEER, a Rede de Universidades da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, coa colaboración de varios compositores e compositoras de Portugal e Galicia, que compuxeron diferentes obras relacionadas co Camiño de Santiago. O de Tui será o primeiro dos concertos previstos, aos que sucederán os programados para este domingo no Auditorio de Goián, Tomiño, e na Basílica de Santa María Maior en Pontevedra, o sábado 26 no Albergue de Briallos en Portas, e o domingo 27 na Igrexa da Universidade en Santiago.  O proxecto está cofinanciado pola Xunta de Galicia e conta coa participación da Deputación de Pontevedra e o apoio dos diferentes concellos polos que transcorre a programación. 

Dentro do programa “Camiño A Dentro. Recollendo a memoria intanxible do camiño” a cantante e compositora galego-suiza Nastasia Zürcher presenta “Un camiño de fusión e liberdade”. Nastasia Zürcher foi nomeada en dúas ocasións ao premios Martín Codax da Música nas categorías de “Blues, Funk &Soul” e d “World Music”.  “My flight” e “BEAT” son os títulos dos dous albumes que ten publicados. Foi premiada, o ano pasado, no festival de linguas minorizadas Liet Internacional nos Países Baixos, polo seu tema en galego “Espertos”. 

Días Europeos do Camiño de Santiago
Ao longo dos seus 1.200 anos de historia, o Camiño de Santiago xogou un papel fundamental na creación dunha identidade europea común, independentemente das nacionalidades ou das disputas políticas e relixiosas. Fenómenos como a expansión do románico ou do gótico, a expansión da urbanización ou o concepto de cidadanía, están intimamente ligados aos momentos de esplendor desta ruta de peregrinación na Idade Media. 

Despois duns séculos de declive, a mediados do século XX, coincidindo co inicio do proceso de construción europeo, o Camiño de Santiago xurdiu de novo como unha ruta que combina valores relixiosos, espirituais, culturais e de diálogo entre persoas procedentes de moi diferentes extraccións xeográficas, de mentalidade e orixe social. 

Na actualidade, hai máis de 80.000 quilómetros de rutas marcadas como xacobeas no continente, existindo en case todos os países de Europa. Co fin de resaltar o seu carácter integrador, a Federación Europea dos Camiños de Santiago promove a celebración das primeiras Xornadas Europeas do Camiño de Santiago, durante esta fin de semana do 19 e 20 de outubro de 2019. 

Días Europeos do Camiño de Santiago

  • Sábado 19 de outubro ás 18 h na Catedral de Tui
    • “Música en Camiño”: Concerto 
  • Domingo 20 de outubro ás 12.30 h  no Paseo da Corredoira
    • "Camiño A Dentro" con Natashia Zürcher e a súa proposta musical titulada "Un camiño de fusión e liberdade”