Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo

Tui será o escenario da VII edición de “No bico un cantar” que reunirá a preto de 500 nenos e nenas de Galicia e Portugal

11/03/2019

A cita será o venres 7 de xuño ás 17.30 h na praza de San Fernando

Tui acollerá o venres, 7 de xuño, a sétima edición de “No bico un cantar” que congregará un coro de cincocentos nenos e nenas pertencentes a conservatorios profesionais e escolas de música de Galicia e o norte de Portugal. A presentación deste evento tivo lugar esta mañá en Santiago a cargo da presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, a conselleira de Educación Universidade e Formación, Carmen Pomar, o director Xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, o alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, e o director artístico desta actividade, Maximino Zumalave e o compositor Alexis Rozas.

Na presentación desta mañá o alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, apuntou que Tui é unha das capitais da cultura galega e o segundo conxunto monumental de Galicia polo que “é un orgullo que un evento como este se celebre aquí, e que pensaran en Tui para representar a unión de Galicia con Portugal”

O proxecto “No bico un cantar”, do Consello da Cultura Galega e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, naceu no ano 2013 co obxectivo de dar a coñecer a poeta galegos dende un punto e vista musical. A edición deste ano toma o título de “Nenos e nenas cantan na Raia” facendo referencia a participación tamén de alumnado de dous centros musicais de Portugal.

Os 500 participantes interpretarán cinco pezas

O concerto será o venres, 7 de xuño, as 17.30h na praza de San Fernando, previamente pola mañá haberá actividades lúdicas e culturais dirixidas aos 500 nenos e nenas que participan no evento.

Interpretarán un total de cinco pezas, “San Campio, romaría galega”, do poeta tudense Manuel Lago González musicado por Torres Creo, “Veira dó mar” de Pío Lino Cuíñas con música de Reveriano Soutullo e a terceira peza será a canción popular portuguesa “Oh rama oh que rama linda”.  En cuarto lugar poderá escoitarse por vez primeira a versión musical  do poema de Xosé Maria Álvarez Blázquez, “No Rego do Prado” con música do xove compositor compostelán  Alexis Rozas, que realizou expresamente para esta ocasión.  O broche de ouro coma en edicións anteriores  poráo o poema de Rosalía de Castro “Maio longo” pertencente a Follas Novas.

No evento participarán os alumnos e alumnas dos sete conservatorios profesionais  dependentes da Consellería de Educación: o Conservatorio Profesional da Coruña, Xan Viaño (Ferrol), Xoán montes (Lugo), Ourense, Manuel Quiroga (Pontevedra) , Santiago de Compostela e Vigo. Ademáis dos alumnos e alumnas de 13 centros musicais, entre eles a Escola de Música Municipal de Tui, o Conservatorio de Música Elemental da Guarda, a Escola de Música da Agrupación Musical do Rosal e a Escola de música da Asociación Amigos da Música de Salceda de Caselas. Pola parte portuguesa ademais, convidouse a participar á Academia de Música da Fortaleza de Valença e á Academia de Música José Atalaya de Fafe.

Como responsable artístico contan co pianista e membro do Consello da Cultura Galega, Maximino Zumalave, e coa participación do grupo de metais Hércules Brass.