Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui inicia o procedemento para ser declarada Área de Rexeneración Urbana de Interese Autonómico, REXURBE

14/10/2020

O Concello de Tui solicitará ao Instituto Galego de Vivenda e Solo a declaración do conxunto histórico e a súa contorna como Área REXURBE, Área de Rexeneración Urbana de Interese Autonómico.

Nas zonas declaradas Areas REXURBE lévanse a cabo actuacións de rehabilitación ao mesmo tempo que se artellan medidas sociais, urbanísticas, ambientais e económicas, enmarcadas nunha estratexia administrativa global e unitaria. O Concello de Tui terá que dispoñer dun plan de dinamización que será o instrumento estratéxico que marcará as actuacións a realizar en materia de rehabilitación das vivendas e protección do patrimonio cultural como de todas aquelas medidas que contribúan a unha revitalización integral do ámbito.

Os técnicos municipais, xunto a un equipo multidisciplinar, liderado polo estudio de urbanismo e arquitectura MMASA, atópanse actualmente preparando a solicitude que será presentada antes de final de ano ante o Instituto Galego de Vivenda e Solo. Esta solicitude incluirá a proposta que delimita o ámbito e comprende de forma desagregada a estratexia social, económica, urbanística e arquitectónica, que se pretende levar a cabo, para a recuperación e dinamización do ámbito. Posteriormente corresponderá ao Consello da Xunta de Galicia acordar a declaración da Área REXURBE.