Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui incremente a dotación de premios do Desfile-Concurso de Entroido. O prazo de inscrición remata o martes 10 de febreiro

4/02/2009

Tui incrementa a dotación de premios no Desfile-Concurso  de Entroido

O prazo de inscrición está aberto até o próximo martes día 10

 

Martes, 3 de febreiro de 2009.  O martes 24 de febreiro, festivo local, vaise celebrar en Tui o Desfile Concurso de Entroido, polo que a Concellería de Cultura de Tui vén de abrir o prazo de inscrición ao tempo publicita as bases rexeran este evento.  Dende o Departamento de Cultura introducíronse este ano unha serie de modificacións co obxecto de fortalecer esta celebración.

 

O prazo de inscrición está aberto dende este luns até o próximo martes día 10, debendo realizarse no Departamento de Cultura do Concello de Tui no impreso normalizado para tal fin, en horario de 9 a 14h.  Establécese a participación dun máximo de vinte comparsas, por orde de inscrición, coa salvedade de que nunca unha comparsa de Tui quedaría fóra do desfile.

 

Neste concurso poderán participar comparsas integradas por un mínimo de vinte e cinco persoas disfrazadas, que poderán ir acompañadas de carroza, cun máximo de catro metros de altura, e de acompañamento musical, xulgándose nesta categoría que a música sexa en directo realizada con instrumentos musicais.

 

O Desfile-Concurso de Entroido celebrarase o martes de Entroido, 24 de febreiro, Festivo Local en Tui, dende ás 18 horas, nun circuíto establecido polas rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense e A Guarda. O xurado terá en conta coma méritos a calidade, orixinalidade, a dificultade de realización, e a acollida por parte do público. O xurado poderá amais declarar deserto un ou varios premios, así coma diminuír a contía dos accésits outorgados por participación.

 

Nas tres modalidades de participación Comparsas, Carrozas e Acompañamento Musical establécense cinco premios de igual contía en cada modalidade, sendo o primeiro  premio de 500 €, o segundo 400 €, o terceiro de 300 €, o cuarto, 200 €, e o quinta 100 € . Deste xeito produciuse un incremento significativo no importe dos premios aos que optan os participantes.

 

Amais establécense unha serie de accésits pola participación. As comparsas de Tui que vaian acompañadas de carroza recibirán 500 €, e no caso de non ter carroza 250 €. As comparsas doutros municipios recibirán por estar presentes no desfile 250 € no caso de ir acompañadas de carroza, e 125 € se carecen da mesma.

 

Nas bases deste Desfile-Concurso recóllese que para que os premios e os accésit sexan abonados as comparsas deberán acudir na súa totalidade, de rigoroso loito ao Enterro do Bacallau, a celebrar o domingo 1 de marzo. O enterro partirá da Praza de San Fernando, ás 19.30 h, percorrendo ás rúas Seixas, Ordóñez e Paseo da Corredoira, onde se fará unha parada no Cantón de Diómedes para ler as coplas, debéndose entregar previamente unha copia á organización, coa cara descuberta, por parte das comparsas que así o desexen. O percorrido do enterro continuará pola Praza da Inmaculada, Augusto González Besada, enlace travesía de Ourense e Aparcamento Municipal, onde se procederá á cerimonia do enterro mediante incineración.