Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui entrega quince máquinas de ozono aos centros culturais para a súa desinfección

22/06/2020

Nos próximos días colocará tamén nestas instalacións dispensadores de xel hidroalcohólico

O Concello de Tui fixo entrega hoxe aos centros culturais das distintas parroquias de quince máquinas de ozono para que poidan proceder á desinfección das súas instalacións. Entre as medidas que adoptou a corporación municipal dende o inicio do estado de alarma estaba a adquisición deste equipamento.  Ao acto de entrega desta mañá asistiron o alcalde, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Medio Rural, Rafael Estévez, a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, e os concelleiros do PP, José Ángel Villaverde e do BNG, José Martínez Tato.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, explicou aos representantes dos distintos centros culturais que coa aportación deste material dende o Concello queren contribuír á tomar as medidas preventivas precisas. Informou amais que nos próximos días instalarán dispensadores de xel hidroalcohólico nos accesos dos centros cultural, así coma nos parques infantís para que “se poidan utilizar cantos medios sexan posibles para evitar a transmisión” indicaba o rexedor tudense.

Pola súa parte o concelleiro de Medio Rural, Rafael Estévez, foi o encargado de explicar o funcionamento das máquinas de ozono. Teñen capacidade para desinfectar unha superficie de até 100 metros cadrados nun tempo e até hora e media. Insistía o edil na importancia de tras a desinfección ventilar ben o local previo ao seu uso, e tamén evitar que no momento da desinfección non haxa equipos informáticos na sala.