Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui e Valença buscan apoio de cara a unha posible candidatura a "patrimonio europeo"

4/04/2007

REPRESENTANTES DO CONCELLO DE TUI E DA CÁMARA MUNICIPAL DE VALENÇA BUSCAN APOIO PARA UNHA POSIBLE CANDIDATURA A “PATRIMONIO EUROPEO”

Senllos representantes do Concello de Tui e da Cámara Municipal de Valença do Minho mantiveron a pasada semana unha xuntanza en Santiago de Compostela co Director Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, Felipe Arias Vila. O obxectivo desta reunión era recabar información da administración autonómica galega de cara á promoción da candidatura das cidades fronteirizas de Tui e Valença do Minho á nova categoría de “Patrimonio europeo” que comezou a promover a Unión Europea.

No decurso da xuntanza o Director Xeral informou da decisión da Xunta de Galicia de promover a candidatura das “fortalezas militares transfronteirizas” que abrangue tamén aos encraves tudense e valenciano a esta nova categoría de patrimonio europeo. Felipe Arias acolleu positivamente o interese de ambos municipios pola promoción e difusión do seu conxunto patrimonial, e interesouse pola aportación que a Cámara Municipal de Valença pode realizar para recabar o apoio do Ministerio de Cultura de Portugal a esta proposta da Xunta de Galicia.

Para o Concelleiro de Cultura de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, esta xuntanza resultou de grande interese. Por unha banda, ao amosarlle á Conselleria de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia a decidida vontade municipal pola difusión do noso patrimonio, acadando información directa sobre os proxectos da Conselleria neste tema do patrimonio europeo que afecta á nosa cidade. Pero, por outra parte, esta xuntanza posibilita a reactivación da colaboración que nesta materia mantense coa Cámara Municipal de Valença do Minho, dende o convencemento de que cunha común colaboración é a máis eficaz ferramenta para a difusión e posta en valor do noso patrimonio común.

Independentemente da decisión final á que se chegue neste proxecto os representantes municipais tudenses e valencianos amosaron, de novo, o seu convencemento de continuar traballando a prol da promoción do patrimonio cultural que ambas localidades comparten.

A nova categoria do patrimonio europeo:

Finalidade
A categoría de Patrimonio Europeo creouse para impulsar a dimensión transnacional europea dos bens culturais e dos lugares que tivesen un papel esencial na historia de Europa, que sexan emblemáticos da identidade europea e/ou da interacción transnacional dentro do espazo cultural europeo.

Búscase reforzar o apoio da cidadanía europea a unha identidade europea común e fomentar o sentido de pertenza a un espazo cultural común. O selo Patrimonio Europeo constitúe un medio para protexer e promover o noso patrimonio cultural co fin de identificar e de legar o patrimonio ás xeracións futuras, reforzando asemade a cooperación entre os pobos de Europa.

A edicición do 2007 é a primeira destes premios e realízase coincidindo co cincuenta aniversario da sinatura do Tratado de Roma en 1957, que deu orixe á Comunidade Económica Europea.

Bens elixibles
Cumprindo cos anteriores criterios de elixibilidade, poden ser recibir o recoñecemento de “Patrimonio Europeo”:
- Lugares de interese cultural ou histórico que teñan unha relevancia especial en Europa
- Obras arquitectónicas, edificios e oxbectos de valor emblemático en termos históricos, artísticos, científicos e ideolóxicos
- Zonas (enclaves e paisaxes culturais), así como xacementos arqueolóxicos terrestres, lacustres e marítimos.

No caso de España son as Comunidades Autónomas as que presentan as candidaturas e logo na Conferencia Sectorial de Cultura e no Consejo de Patrimonio Histórico escóllense ás candidaturas que o Ministerio de Cultura español presenta á Unión Europea. Na primeira declaración de bens como patrimonio europeo realizada no pasado mes de marzo, foron declarados nesta categoria: o Arquivo da Coroa de Aragón, o Real Mosteiro de Yuste, a Residencia de Estudiantes de Madrid e o Cabo Fisterra, en Galicia.