Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui conmemora o Día Internacional da Muller con diversas actividades

1/03/2019

Obradoiros nos institutos, reparto de bolsas conmemorativas e unha concentración entre os actos previstos

Tui prepara varias actividades para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, organizadas dende a concellería de Servizos Sociais.

Por unha banda 250 alumnos e alumnas dos institutos San Paio, Indalecio Pérez Tizón e do Colexio Maristas están a participar nos obradoiros “Nin bombeiros, nin enfermeiras” sobre esta data que imparte a técnica do Servizo de Prevención do propio concello e que se estende ao longo da varias semanas.

Por outra parte de xeito simbólico a Área Panorámica iluminarase de lila na noite do xoves 7 ao venres 8 de marzo, ao tempo que se colocarán pancartas conmemorativas na fachada deste edificio e tamén da casa do concello.

Amais para visibilizar esta data o comercio local repartirá o propio venres 8 dúas mil bolsas conmemorativas. Os comercios que desexen participar deberán recoller as bolsas o mércores 6 e o xoves 7 no departamento de Servizos Sociais na casa do concello, onde lles serán entregados tamén un globos lila, cos que poderán decorar os seus escaparates, sinalando así a colaboración na campaña.

Por último o venres 8 ás 12.30 h na praza do Concello está convocada unha concentración, e será lido un manifesto conmemorativo deste Día Internacional da Muller a cargo da directora do CRA Mestra Clara Torres, Teresa Domínguez.