Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui celebra mañá a súa Cabalgata de Reis máis internacional

4/01/2010

Melchor, Gaspar e Baltasar chegarán en tres maxestuosas carrozas

Tui celebra a Cabalgata de Reis máis internacional

A saída dos Magos de Oriente será ás 18h dende a Alfándega de Valença

 

Xoves, 31 de decembro de 2009. A Cabalgata de Reis de Tui terá este ano carácter internacional xa que por vez primeira a súa saída será dende a antiga Anfándega de Valença do Minho. Co gallo do Xacobeo 2010 dende a Concellería de Cultura quérese por de relevo o papel da cidade coma porta de entrada do Camiño Portugués a Galicia, por este motivo decidiu que a Cabalgata atravese a vella Ponte Internacional, do mesmo xeito que adoitan facer os peregrinos camiño de Santiago.

 

A saída será ás seis da tarde  dende Valença, onde os Reis Magos Melchor, Gaspar e Baltasar, este ano por vez primeira chegarán en tres maxestuosas carrozas reais acompañados doutras cinco cos seus paxes xunto cunha ampla comitiva integrada por máis de 150 persoas.

 

Dende a Antiga Alfándega de Valença irán até a vella Ponte Internacional de Tui, para continuar o seu percorrido xa en Tui pola Avenida de Portugal, a rúa Martínez Padín, e Augusto González Besada e Paseo da Corredoira os Reis de Oriente repartirán máis de 1.200 quilos de caramelos sen glutén, así coma un millar de globos. Irán escoltados pola Policía Local e participarán tamén os Bombeiros Voluntarios de Valença, unha ambulancia, e Protección Civil. A nota musical correrá a cargo da Rondalla do Centro Cultural "O Mosteiro" de Pexegueiro.

 

Ao final do percorrido, no Cantón de Diómedes, onde se instalará o Portal de Belén, darase lectura á Mensaxe Real, mentres Melchor, Gaspar e Baltasar faran a súa ofrenda ao neno de Ouro, Incenso e Mirra.

 

Unha vez rematada a ofrenda os nenos poderán subir a saudar aos Reis Magos

 

A Cabalgata de Reis está organizada pola Concellería de Cultura coa colaboración da Policía Local, Protección Civil,  o grupo scouts "Alhoia", URE Baixo Miño, Ambulancias "Baixo Miño", os Bombeiros Voluntarios de Valença do Minho, os diferentes departamentos do Concello de Tui, e as Asociacións Culturais de "Aloia" de Pazos de Reis, "Seixos Albos" de Areas, da Asociación de Veciños de Guillarei e da Asociación Cultural "O Mosteiro" de Pexegueiro, así coma dúas carrozas de particulares.  Este ano tamén compre salientar a colaboración da GNR, do Centro de Cooperación Policial e Aduaneiro, e da  Cámara Municipal de Valença. Do mesmo xeito é importante a colaboración dos cidadáns de Tui e a comarca para o bo desenvolvemento desta actividade.

 

Un ano máis a Concellería de Cultura agarda que miles de persoas ateiguen as rúas tudenses para presenciar  a Cabalgata de Reis.

 

Previamente a súa presencia na Cabalgata de Reis, Melchor, Gaspar e Baltasar visitarán pola mañá ás Residencias "Paz e Ben", e "San Telmo", para entregar tamén aos maiores que nelas viven os seus agasallos. Irán acompañados pola Rondalla do Centro Cultural "O Mosteiro" de Pexegueiro. Neste caso os Reis chegarán a cabalo da mán da Peña Cabalar "Val do Louro" de Ribadelouro.

 

Cabalgata de Reis en Tui

Data: Martes 5 de xaneiro  de 2010 ás 18.00 h

Percorrido:Dende a antiga Alfándega  de Valença ata o Paseo da Corredoira en Tui

Organiza: Concellería de Cultura