Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui celebra do 2 ao 8 de setembro as Xornadas Europeas da Cultura Xudía

31/08/2018

O concello solicitará formalmente a súa inclusión na Red de Juderías de España

Este domingo, 2 de setembro, comezan as X Xornadas da Cultura Xudía en Tui que se van celebrar  até o sábado 8 pondo en valor o importante patrimonio xudeu que hai na cidade. Este mediodía na casa do concello tivo lugar a presentación deste programa por parte do alcalde, Carlos Vázquez Padín, o concelleiro de Cultura e Patrimonio, Eduardo Freiría, e o historiador tudense, Suso Vila.

O alcalde, Carlos Vázquez Padín, avanzou nesta presentación que no mes de setembro se presentará á Red de Juderías de España, a solicitude formal da inclusión de Tui neste colectivo. O proxecto que está a redactar o historiador tudense Suso Vila, recollendo os distintos aspecto requiridos pola Rede de Juderías, será levado previamente a pleno para a súa aprobación.  Carlos Vázquez Padín indicaba que o legado xudeu de Tui é moi singular abranguendo aspectos culturais, gastronómicos e patrimoniais, polo que amosaba o seu convencemento en que poderá ser un polo de atracción turística e de investimento.

O concelleiro de Cultura e Patrimonio, Eduardo Freiría, apuntou que sería de gran interese para Tui contactar con todas comunidades sefardís europeas e aproveitar así as posibilidades que xorden da presenza xudía en Tui.

Suso Vila, historiador tudense, indicou que Tui leva dez anos celebrando estas Xornadas Europeas da Cultura Xudía, nos que se ten posto en valor todo o patrimonio ligado á presenza xudía na cidade. Indicaba que é fundamental seguir con este traballo porque “Tui é un referente a nivel patrimonial en Galicia”.

O martes 4, mércores 5 e xoves 6, tendo en conta o lema de “Storytelling” co que se celebran este ano os Días Europeos da Cultura Xudea, a actividade centrarase nas redes sociais municipais para dar a coñecer  as historias de Francisco Sánchez, o filósofo de Tui; a prisión de Antonio Saravia; e as viaxes de Baltasar de Araujo.

O próximo sábado, 8 de setembro, terá lugar na igrexa de San Domingo o concerto de música sefardí a cargo  Ana Alcaide

O domingo, 9 de setembro, ás 13h cunha visita aos Sambenitos, pezas únicas en Europa que se conservan en Tui, baixo o título de “Os nomes da historia”. Está programada outra visita o venres 7 ás 20h á xudería medieval.