Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Tui acolle esta fin de semana a Copa do Futuro de Fútbol da Deputación

20/05/2010

Tui acolle esta fin de semana a Copa do Futuro da Deputación

Participarán 200 nenos con idades entre o 7 e o 8 anos de 16 equipos

 

Xoves, 20 de maio de 2010. O complexo deportivo Álvarez Durán vai acoller esta fin de semana a Copa do Futuro de Fútbol organizada pola Deputación de Pontevedra. Na mesma van participar máis de 200 nenos  con idades entre os 7 e os 8 anos de 16 equipos do sur da provincia.  O obxectivo desta Copa do Futuro é potenciar o deporte base e servir de escaparate para a labor que a Deputación de Pontevedra realiza en favor do deporte.

 

Os partidos de fútbol 7 xogaranse este sábado, 22 de maio, entre ás 10h e ás 14.10h e pola tarde de 16 a 20.10h, disputándose o domingo, 23 de maio, os cuartos de final, eliminatorias, semifinais e finais.

 

Estarán presentes nesta competición dous equipos do Tyde, un equipo do Sporting Guardés, o ED. Oia, o Eirizana de Baiona, a A. D. O Condado de Ponteareas, o Cesantes de Redondela, o Val Miñor e o C.C. Mercantil de Nigrán, o Independiente F.C. , o Coya B, o CIP Illas Cíes, o Santa Mariña B, o Amor de Dios, o Balaídos C, todos eles de Vigo.

 

A fase final da Copa disputarase o 12 e 13 de xuño en Vigo.

 

Esta Copa do Futuro da Deputación foi presentada esta mañá na Casa do Concello de Tui polo Alcalde, Antonio Fernández Rocha, o técnico de deportes da Deputación, Fran Teixeira, e polo Presidente do Tyde, Jesús González.

 

O Alcalde de Tui agradeceu que nesta cuarta Copa do Futuro se tivese en conta un ano máis ao Concello de Tui. Salientando que con esta competición a fin de semana será ilusionante para todos os nenos. Lembrou amais que o Concello e a Deputación cofinanciaron no seu momento o Complexo Deportivo Álvarez Durán, ao que dicía se lle está sacando moito partido.

 

 O Presidente do Tyde, Jesús González, agradeceu á Deputación que teña elixido a Tui coma sede desta Copa, apuntando que o Tyde presenta á mesma dous equipos. Engadía que o club conta na súa escola con 120 nenos e con catro equipos federados. Salientaba tamén a importancia desta Copa do Futuro porque mobiliza ao fútbol base tanto a nivel deportivo coma persoal e de educación. Engadía que o traballo de base é primordial sobre todo de cara ao futuro para lograr no seu momento un equipo de seniors que coloque ao Tyde onde se merece.

 

Por último Fran Teixeira expuxo que Tui acolle esta Copa do Futuro por desexo expreso do Presidente da Deputación e tamén polo gran éxito que teñen aquí as Escolas Deportivas da Deputación de fútbol, patinaxe e balonmán.  A fase de Tui engadía que é unha das máis fortes ante os grupos que participan. Os equipos distribúense en catro grupos de catro, pasando os dous primeiros de cada grupo á fase final.