Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Semana de Teatro Amador de San Telmo cumpre unha década

31/03/2018

As representación terán lugar no Teatro Municipal do luns 2 ao sábado 7 con seis estreas

A Semana de Teatro Amador que se celebra co gallo das festas de San Telmo cumpre unha década. Esta iniciativa xurdiu hai dez anos co obxectivo de brindarlles aos grupos de teatro afeccionado que hai en Tui a posibilidade de actuar no Teatro Municipal de Tui nas mesmas condicións en que o fan as compañías profesionais. Esta semana está plenamente consolidada contando cando ano co beneplácito do publico que en moitas das función completa a capacidade do teatro.

A cita será do luns 2 ao sábado 7 de abril no Teatro Municipal de Tui ás 21h, salvo o sábado cando a función comezará ás 20h. Os seis grupos de teatro estrearán as súas últimas montaxes nesta programación co gallo das festas de San Telmo. As entradas, sen numerar, poranse á venda media hora antes do comezo do espectáculo ao prezo de 1,5€.

O grupo de teatro Mesturanzas da Asociación Cultural Seixos Albos de Areas será o luns, 2 de abril, ás 21h, o encargado de abrir esta X Semana de Teatro Amador coa estrea da obra “Os pintores non teñen recordos” de Dario Fo. Baixo a dirección de Tomás Alonso Pardo un elenco de nove actores afeccionados darán vida a esta comedia na que ao dono dun hotel de mala morte lle toca a lotería, pero a súa muller fai o inimaxinable para non ter que compartilo con el.

O martes, 3 de abril, ás 21h, o grupo de teatro da Asociación Cultural Santiago de Malvas estreará “Tecendo Mentiras” baixo a dirección de Nieves Rodríguez Besada.  Nove actores subirán ao escenario do teatro para interpretar esta comedia na que as verdades saen pouco a pouco á luz nunha casa de ricos chea de mentiras.

Tamén en estrea chegará o mércores, 4 de abril, ás 21h “O lío que lle lían a Pío” de José Cedena, unha comedia que presentará o grupo de teatro Aloia da Asociación Cultural Aloia de Pazos de Reis.  Nove actores son dirixidos por Noelia Solla para dar vida a un restaurante cunha clientela complicada.

O xoves, 5 de abril, ás 21h, será a quenda do grupo de teatro Chirlomirlo da Asociación Cultural Xuntanza de Randufe que estreará “Aquí non se paga” de Dario Fo. Doce actores, baixo a dirección de Areta Bolado, interpretan esta comedia na que dúas mulleres inician unha revolta popular contra a suba dos prezos no supermercado.

Descontrol hospital” de Román Sarmiento será a comedia que o venres, 6 de abril, ás 21h estreará o grupo de teatro San Fins de Rebordáns.  Doce actores interpretan a traballadores e pacientes dun hospital inmerso nun total descontrol. A obra está dirixida por José Soares.

Pechará esta X Semana de Teatro Afeccionado o grupo Atalaia do Centro Sociocomuntario de Tui o sábado, 7 de abril, ás 20h coa comedia “Teño un tolo na casa” de Raimundo Francés.  Miguel Ángel Pérez Blanco dirixe ao elenco formado por seis actores e actrices afeccionados que nos achegan en clave de humor as ocorrencias de Amalia, para facer fronte á crise económica que ela e o seu marido, policía xubilado, teñen que facer fronte tras o divorcio da súa filla.

X Semana de Teatro Amador. Do 2 ao 7 de abril.

  • Luns 2 ás 21.00 h
    • Grupo de teatro Mesturanzas da Asociación Cultural Seixos Albos de Areas con “Os pintores non teñen recordos”. 90 minutos.
  • Martes 3 ás 21.00 h
    • Grupo de teatro da Asociación Cultural Santiago de Malvas con “Tecendo mentiras”. 73 minutos.
  • Mércores 4 ás 21.00 h
    • Grupo Aloia Teatro da Asociación Cultural Aloia de Pazos de Reis con “O lío que lle lían a Pío”. 60 minutos.
  • Xoves 5 ás 21.00 h
    • Grupo de teatro Chirlomirlo da Asociación Cultural Xuntanza de Randufe con “Aquí non se paga”. 65 minutos.
  • Venres 6 ás 21.00 h
    • Grupo de teatro da Asociación Cultural San Fins de Rebordáns con “Descontrol hospital”. 80 minutos.
  • Sábado 7 ás 20.00 h
    • Grupo de Teatro Atalaia do voluntariado do Centro Sociocomunitario de Tui con “Teño un tolo na casa”. 70 minutos.

Venda de entradas, sen numerar, ao prezo de 1,5€ dende hora e media antes do comezo da función. Unha vez iniciado o espectáculo non se poderá acceder ao teatro.