Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Reunión da Eurocidade co Director Xeral de Administración Local e técnicos da Xunta

30/03/2012

A piscina de Valença será pioneira nunha xestión compartida

 

O Alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, e o Presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro Mendes, mantiveron hoxe na Casa do Concello de Tui unha xuntanza co Director Xeral de Administración Local, Norberto Uzal Tresandi, o Subdirector Xeral de Xestión e Cooperación Económica coas Entidades Locais, Ramón Quiroga Limia, e o Subdirector Xeral de Acción Exterior e de Cooperación Transfronteiriza,  D. Xosé Lago García xunto a outros técnicos da Xunta de Galicia para avanzar no deseño dun programa de cooperación na eurocidade.

 

En concreto analizaron o futuro desenvolvemento dun inmediato plan director para a xestión compartida de equipamentos municipais transfronteirizos. Este programa foi aprobado ao abeiro do POCTEP (Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España – Portugal), e a Dirección Xeral de Administración Local da Consellería de Presidencia desenvolveu coa Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal un estudio sobre a “novas formas de xestión compartida de equipamentos municipais transfronteirizos”.

 

Nomeadamente o que se pretende é poñer en marcha unha plataforma informática que permita esta xestión compartida. A plataforma sería subministrada pola Consellería. Un dos primeiros casos nos que se poñería en marcha é na piscina municipal da Eurocidade Tui-Valença.

 

Analizaron tamén a necesidade de acometer a redacción de proxectos para presentar, no seu momento, ao Programa Operativo de Cooperación Transfronteriza España Porugal (POCTEP) e a outras iniciativas europeas.

 

O Alcalde tudense agradece a colaboración e impulso que a Eurocidade está atopando na Xunta de Galicia que aposta decididamente por esta iniciativa de cooperación transfronteiriza que promoven o Concello de Tui e a Cámara Municipal de Valença. A vontade de ambos municipal é promover iniciativas para mellorar a calidade de vida da cidadanía deseñando institucional e funcionalmente uns servizos compartidos que lles permita ofertarlle aos tudenses e aos valencianos mais e mellores servizos e novas oportunidades para afondar na integración socioeconómica e cívica.