Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Reforestacións en Randufe e Areas co gallo Día da Árbore

18/03/2019

Búscase concienciar aos máis pequenos e ao tempo rexenerar espazos degradados

Con motivo da celebración do Día da Árbore este xoves, 21 de marzo, a concellería de Medio Ambiente promove a reforestación de diferentes espazos municipais.

A primeira actuación levarase a cabo en colaboración co CEIP de Randufe e a Comunidade de Montes de Randufe este xoves 21 e a segunda actuación será o venres 22 en colaboración co CRA de Areas.

O concelleiro de Medio Ambiente, Eduardo Freiría, explica que son dous os obxectivos principais desta actuación. O primeiro a concienciación dos máis pequenos do valor que teñen as árbores e os bosques para a sociedade e o os diferentes ecosistemas que conforman.

Por outra banda, desde o Concello procúrase a rexeneración paisaxística de espazos de propiedade municipal que actualmente presentan unha situación de degradación medioambiental.  Así, unha das actuacións levarase a cabo na ladeira do campo da festa de Randufe actualmente despoboada e a outra actuación nas zonas verdes do Parque empresarial de Areas. O fin da mesma sería xerar unha pantalla que mitigue o efecto adverso a nivel paisaxístico que supón unha zona industrial e restablecer o equilibrio ambiental e paisaxístico contribuíndo así a unha mellora da calidade do entorno que repercutirá de xeito positivo nas condicións sociais, económicas e de imaxe do lugar.