Quince persoas incorporáronse a traballar ao concello de Tui ao abeiro do Plan Concellos
Nas últimas semanas quince persoas incorporáronse a traballar ao concello de Tui tras ser contratadas grazas á achega da liña 3 de “Emprego para a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais” do Plan de Obras e Servizos-Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra.
A incorporación aos seus postos de traballo tense realizado de xeito escalonado ao longo das últimas semanas.
Así foron contratadas 8 persoas coma peóns de desbroce durante oito meses cunha xornada parcial de 30 horas á semana. Amais a tempo completo e durante nove meses contratáronse a 1 oficial de segunda condutor, 2 oficiais segunda albanel, 1 oficial segunda cerralleiro – soldador, 1 oficial segunda carpinteiro e 2 animadoras turísticas para a Oficina de Turismo.
As novas e novos traballadores foron recibidos na casa do concello polo alcalde, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Persoal, José Ramón Magán, o concelleiro de Medio Rural, Rafael Estévez, e o concelleiro de Turismo, Laureano Alonso, que lles deron a benvida á plantilla municipal. Explicáronlles amais o seu cometido nos próximos meses.