Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Preto de 850 persoas pertencentes a 10 comparsas desfilarán o próximo Martes de Entroido en Tui

28/02/2019

O Desfile-concurso comezará ás 17.30 h realizando un percorrido polas rúas novas

Preto de 850 persoas e 13 carrozas pertencentes a 10 comparsas de Tui, Tomiño, Salceda, Gondomar, e Redondela participarán o próximo martes, 5 de marzo, no Desfile-Concurso de Entroido en Tui. Comezará ás 17.30 h para realizar un percorrido polas rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense e A Guarda. O martes 5 é festivo local en Tui.

As encargada de abrir o desfile serán as comparsas de fantasía “Vinciocas” da Asociación de Veciños Galiñeiro de Vincios e “LDanzia Paradise” da Asociación LDanzia, ambas de Gondomar. A continuación será a quenda de “O Borralliño” do Borraliño de Soutelo e “O Mundo de Shrek” da Asociación En Loureiro coma sempre da Picoña, ambas de Salceda. Proseguirá “Do Aloia até Marte” dos Scouts Alhoia, “Luces de Tomiño” da comparsas Luces de Tomiño, e “Trazos Festival” da Asociación Recreativa Cultural Trazos de Redondela.

Por último pecharán as tres comparsas que irán con acompañamento musical con música en directo, sendo as tres de Tui. Serán “Máis que unha feira” de Arume de Malvas, “O circo de Tui” de Lembranzas da Terra de Guillarei, e “El extraño mundo de la magia” do Entroido de Pexegueiro.

Repartiranse 5.600€ en premio, 400€ en trofeos, e 3.500€ en asignacións fixas por participación. Nos premios este ano introduciuse coma novidade a “concorrencia” na puntuación do Premio Xeral, na que se terá en conta o número de participantes, que se sumará a actualidade do tema elixido, o vestiario, a parodia, o acompañamento musical e a existencia ou non de carroza. Nesta categoría xeral haberá sete premios con trofeo e unha dotación económica que oscilará entre os 700€ e os 100€.  Tamén se outorgarán seis premios en carrozas que oscilarán entre os 400€ e os 150€, catro en acompañamento musical dotados con entre 300€ e 150€, e un único premio en fantasía cun importe de 250€. En total repartiranse 5.600 € en premios, aos que se deberá sumar os 400€ nos que están valorados os trofeos, e os 11 mil € reservados como fixos por participación.

Mentres o xurado delibera e tras a entrega de premios actuará a orquestra Finisterre.

En caso de choiva o desfile aprazarase para o domingo 17 de marzo.

Restricións no tráfico

Debido á celebración do desfile concurso de Entroido haberá unha serie de restricións no tráfico. Así o martes 5 de 14 h a 21 h estarán pechadas ao tráfico e non se poderá estacionar nas rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense, A Guarda e Mondoñedo. Amais o tramo da rúa Ourense entre a rúa Lugo e a rúa Compostela estará pechada ao tráfico e non se poderá estacionar dende ás 10 h do martes 5 ata ás 2 h do mércores 6.

Enterro do Bacallau

O domingo, 10 de marzo, celebrarase o Enterro do Bacallau como da despedida do Entroido de 2019. No mesmo participarán as dez comparsas que o martes entran a concurso, estando amais aberto a todos aqueles que desexen sumarse.

O Enterro sairá ás 19.30 h dende a Praza de San Fernando, percorrendo a rúa Seixas, Porta da Pía, Ordóñez, e Corredoira, onde fará unha parada para ler as coplas. Continuará logo polo mesmo percorrido que en anos anteriores pola praza da Inmaculada, Augusto González Besada, rúa Lugo e remate na traseira da Área Panorámica onde será queimado o bacallau.   As persoas que desexen ler as coplas, deberán cumprir os requisitos recollidos nas bases, que establecen que se deberán entregar por rexistro de entrada o mércores 6 de marzo de 9 a 14 h e se lerán coa cara descuberta cun tempo máximo de 5 minutos.