Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Presentado o programa de actos do "Ano Xosé María Álvarez Blázquez" que comezan o vindeiro mércores 23 de abril

21/04/2008

PRESENTADAS EN TUI AS ACTIVIDADES DO “ANO XOSÉ MARÍA ÁLVAREZ BLÁZQUEZ”

O vindeiro mércores 23 de abril acto institucional de homenaxe o escritor e investigador tudense 

Nunha rolda de prensa celebrada esta mañá na Casa do Concello de Tui foron presentados os actos programados polo Concello de  Tui para a conmemoración do “Ano Xosé María Álvarez Blázquez” declarado así polo Pleno do Concello tudense.Estiveron presentes o Alcalde de Tui, Antonio F. Fernández Rocha, o concelleiro de cultura, Moisés Rodríguez Pérez, e o técnico da biblioteca tudense, Rafael Sánchez Bargiela.

O Alcalde amosou a súa satisfacción pola presentación deste amplo programa de actividades que contribuirán á difusión da figura deste egrexio escritor e investigador tudense, igualmente agradeceu a colaboración da Real Academia Galega e da familia do escritor na organización dos actos.

De seguido o concelleiro de cultura desgranou as actividades previstas ao longo do ano, e que figuran como anexo a esta nota, centrándose no acto institucional organizado para o vindeiro mércores 23 de abril e que contará coa presenza do Presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro Fernández, e os fillos e a familia do escritor homenaxeado. O programa previsto abrangue ás 19,30 horas o descubrimento dunha praca conmemorativa na casa que foi residencia da familia Álvarez Blázquez, na actual rúa Irmáns Maristas nº 6, a agradeceu aos propietarios a súa colaboración decidida. A continuación no Salón de Plenos do Concello haberá un acto que contará coa intervención dun dos fillos do escritor, o presidente da Real Academia e o Alcalde de Tui. No decurso do acto dous rapaces tudenses recitarán varios poemas do libro “Roseira do teu mencer” e escoitárase a voz de Xosé María Álvarez Blázquez no discurso pronunciado en Tui o 17 de maio de 1973 na honra de Manuel Lago González, a quen estaba dedicado aquel ano o Día das Letras Galegas.

Moisés Rodríguez convidou a todos os veciños e veciñas de Tui a sumarse este acto do vindeiro mércores así como a programación de actividades en torno a Xosé María Álvarez Blázquez ao longo dos vindeiros meses. Tamén anunciou que axiña estará publicado un roteiro sobre os lugares da nosa cidade vencellados á figura de D. Xosé María como unha forma de achegar a súa presenza a todos os veciños.

Finalmente o técnico da Biblioteca Municipal amosou a súa satisfacción porque o inicio deste homenaxe coincida co Día do Libro, lembrando a un personaxe que tanto traballou polo desenvolvemento do libro e a cultura galega.  

PROGRAMA ANO XOSE MARÍA ÁLVAREZ BLÁZQUEZ

 1.- Apertura oficial do “Ano Xosé María Álvarez Blázquez”: 23 de abril 

-         Descubrimiento praca na Casa do Rollo (Rúa Irmáns Maristas, 4)

-         Acto institucional  na Casa do Concello 

2.- Mesas redondas: (no Museo Municipal – 20,00 h.) 

·        29 de abril: Xosé María Álvarez Blázquez e a literaturao       Intervirán Xosé María Álvarez Cáccamo, Dario Xoán Cabana e R. X. Rodríguez Baixeras 

·        7 de maio: Xosé Maria Alvarez Blázquez, historiador e arqueólogoo       Intervirán: Clodio González Pérez, Fernando Acuña Castroviejo e Xoán Martínez “Tamuxe” 

·        14 de maio: Presentación do libro “Xosé María Álvarez Blázquez e Tui”o       Rafael Sánchez Bargielao       Marga Romero 

3 .- Exposicións

·        10 pancartas, por diversos sitios de Tui con outros tantos poemas de Xosé María Álvarez Blázquez

·        biográfica sobre Xosé María Álvarez Blázquez, apertura 5 de maio

·        filatélica, en colaboración co Grupo Filatélico e Numismático de Tui, do 16 ao 20 de maio  

4.- XI Feira do Libro Galego (17 de maio) Coincidindo con esta data, haberá  visita guiada ao roteiro Xosé María Álvarez Blázquez 

5.- Semana do Libro e a lectura (18 – 24 de maio)Cunha morea de actividades para os alumnos de primaria e Eso, familias e profesores. 

6.- Aniversario dos Xogos Florais de Galicia, os poetas homenaxean a XMABData: 24 de xuño 

7.- Xornadas Europeas de Patrimonio, Incluindo un día adicado a Álvarez Blázquez, coa visita a Cabeza de Francos e Conxunto de San Domingos de TuiDatas: 20-21 de setembro 

8.- Clausura do Ano Xosé María Álvarez Blázquez, Data: 28 de novembro (data do acto de lectura do seu discurso de ingreso na RAG) 

BIOGRAFIA

 Xosé María Álvarez Blázquez, nace en Tui o 4 de febreiro de 1915, fillo do médico Dario Álvarez Limeses e María Blázquez Ballester. Escritor, tanto de poseía como de novelas, investigador (de historia, prehistoria, literatura, etc.), editor (as súas editoriais Monterrey e Castrelos realizaron un inxente labor), mestre... a súa vida foi unha permanente adicación a prol da cultura de Galicia.Álvarez Blánquez militou na Federación de Mocidades Galeguistas e no Partido Galeguista. Fundou a Editorial Monterrey xunto a Luís Viñas Cortegoso, no 1950, editora que amparou o nacemento da denominada Nova Narrativa Galega, tamén fundaría Edicións Castrelos no ano 1964 que editaria a colección O Moucho, que abriu O catecismo do labrego, de Valentín Lamas Carvajal e popularizaría as obras de Rosalía e Curros Enríquez. Entrou a formar parte da Real Academia Galega no 1962. Morreu en Vigo no 1985.Da súa obra en galego, destacan a colección de relatos Os ruíns (1936) e A pega rabilongo e outras historias de tesouros (1971), no xénero da narrativa infantil. Entre a súa obra lírica, o poemario, realizado xunto co seu irmán Emilio, Poemas de ti e de min (1949), Roseira do teu mencer (1950), Cancioneiro de Monfero (1953), unha das obras claves do neotrobadorismo, Romance do pescador peleriño (1954), ademais de Canle segredo, escrito no 54 e publicado no 76. Como ensaísta, publicou Escolma de poesía galega II: A poesía dos séculos XIV a XIX (no 59), Escolma de epigramas (1968), e Escolma de poesía medieval (1975). Xosé María e os seus irmáns (Dario, Celso, Alfonso, Emilio e Álvaro) residiron en Tui ata 1941, en que tras o fusilamento do pai nos inicios da Guerra Civil, deciden instalarse en Vigo, pero mantivo acesa sempre a relación coa nosa cidade. Tui figura nas súas poesias e novelas, Tui foi obxecto dos seus estudios etnográficos, arqueolóxicos ou históricos... Morreu en Vigo o 2 de marzo de 1985.