Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Presentadas as xornadas Francisco Sánchez

13/11/2006

PRESENTADAS AS “XORNADAS SOBRE FRANCISCO SÁNCHEZ”
O médico e filósofo tudense do século XVI será lembrado en Tui con catro conferencias as días 16, 17, 23 e 24 de novembro

Hoxe foron presentadas polo Concelleiro de Cultura do Concello de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, as “Xornadas sobre Francisco Sánchez” que desenvolveranse na nosa cidade os vindeiros días 16, 17, 23 e 24 de novembro.

Trátase, en palabras da concelleiro tudense, de recuperar como unha parte máis do noso patrimonio a figura deste esgrevio médico e filósofo tudense do século XVI que foi unha das figuras máis importantes do pensamento europeo na época do Renacemento. Xa que logo, convidou aos tudenses a participar nestas xornadas para coñecer un pouco máis a nosa historia. Moisés Rodríguez salientou tamén o desexo da continuar, no futuro, con novas actividades para rescatar do esquecemento outros tudenses ilustres hoxe escasamente coñecidos polos veciños de Tui. Por último amosou o agradecemento do Concello de Tui á Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia que patrocina estas Xornadas.

De seguido Rafael Sánchez Bargiela, coordinador das xornadas, destacou a importancia de Francisco Sánchez, que logo de cinco séculos segue sendo obxecto de teses doctorais e estudios en numerosas universidades de España e Europa o que reflicte a súa importancia. Francisco Sánchez foi considerado durante varios séculos como portugués, natural de Braga, pero foi en 1903 cando un investigador francés Henry Pierre Cazac descubriu a súa inscrición na Universidade de Toulouse onde sinala a súa orixe: “hispanus, natus in civitate tudensis”. Dende entón numerosos intelectuais galegos e españois teñen reivindicado a figura de Francisco Sánchez, “o tudense” ou “o escéptico”, apelativos ambos que recibe na bibliografía.

Estas Xornadas se artellan en base a un ciclo de catro conferencias que terán lugar os días 16, 17, 23 e 24 de novembro a cargo de prestixiosos especialistas.

Relatores
Neste ciclo de conferencias intervirán os seguintes relatores:
1.- Manuel Bermúdez Vázquez, profesor da Universidade de Córdoba, que ten presentado recentemente a súa tese doctoral sobre a figura do filósofo tudense.
2.- Gloria de Antonio Rubio, do Instituto de Estudios Galegos “Padre Sarmiento” de Santiago, autora de numerosas investigacións sobre a presenza xudea en Galicia e máxima especialista na actualidade nesta materia.
3.- Martín González Fernández, profesor e director do Departamento de Filosofía e Antropoloxia Social da Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela , autor de numerosas obras de investigación sobre historia da filosofía e de diversos estudios sobre a figura de Francisco Sánchez, entre eles o libro “O labirinto de Minos: Francisco Sánchez, “o escéptico”, un galego no renacemento”.
4.- Luis Hernando de Larramendi e Xavier Agenjo, vicepresidente e director de proxectos respectivamente da Fundación Ignacio Larramendi, de Madrid, que presentarán o proxecto de edición dixital da obra de Francisco Sánchez.
As conferencias terán lugar no edificio da Área Panorámica de Tui as 20,00 horas.

Semblanza
Francisco Sánchez é un médico e filósofo do século XVI que salienta pola sua importante aportación á historia da filosofía do Renacemento, como precedente de René Descartes.

Aínda que se ten dubidado da súa orixe, por moito tempo dábase como natural de Braga, o certo é que nace en Tui no ano 1550, fillo do médico tudense Antonio Sánchez, de ascendencia xudea, e así o declara el mesmo: “hispanus, natus in civitate Tudensi”. Ao pouco tempo deixa Tui sendo batizado en Braga e debendo buscar refuxio á súa familia en Burdeos - Francia. Formase nesta vila, logo en Roma e en Montpellier, instalándose finalmente en Toulouse onde é profesor na súa Universidade e exerce como médico. Morre o 15 de novembro de 1623. É coñecido con sobrenome de “O Escépctico” pois a base do seu pensamento é que todo coñecemento debe ser sometido ao tribunal dos sentidos e ao xuizo da razón, “o motor do coñecemento é a dúbida”. Foi un adiantado do empirismo.

A súa principal obra é Quod nihil scitur (1581) pero ten editadas ata cinco obras máis de carácter filosófico e científico. Estamos diante dun importante erudito e filósofo do renacemento europeo cunha importante achega á historia do pensamento occidental. Esta dimensión europea da súa figura, a súa dobre condición de tudense e bracarense, a súa dialéctica entre fe e razón, o interese que na actualidade suscita a súa obra filosófica... fan de Francisco Sánchez un tudense de excepción, que é preciso incorporar con relevancia á nosa memoria colectiva.