Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Presentada a Semana do Libro e a Lectura a celebrar do 18 ao 24 de maio

13/05/2008

PRESENTADA A SEMANA DO LIBRO E A LECTURA A CELEBRAR EN TUI ENTRE O 18 E O 24 DE MAIO

Na mañá de hoxe martes, 13 de maio, foi presentada a programación a desenvolver na cidade de Tui ao abeiro da celebración da Semana do Libro e Lectura, que organiza a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura e Deoporte coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Tui e a coordinación da Asociacións Socio-pedagóxica Galega.

Estiveron presentes na rolda de prensa de presentación a Delegada Provincial da Consellería de Cultura e Deporte, María Xesús López Escudeiro, o concelleiro de cultura de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, e a representante da Aspg, Dores Silveira.

O programa da Semana do Libro e a Lectura comezará o domingo vindeiro, 18 de maio, ás 12,30 horas coa actuación no Teatro Municipal do grupo Migallas que porá en escena o espectáculo “Canta conosco!”.

Do luns ao venres serán máis de 1.300 escolares dos centros de ensino do concello de Tui os que participarán nas actividades da Semana do libro e a lectura, que abrangue obradoiros de plática, de monicreques, de ilustración, de contos e cantigas, de expresión escrita, teatro, etc, a cargo de recoñecidos profesionais como Mercedes Prieto, Marisa Irimia, Servando Barreiro, Antón Castro, Carolina Ramos, Tokio, etc.

De lúns a venres ás 18,30 horas haberá una sesión de actividades abertas ao público a cargo de Manolo Vázquez, de Berrobambán Teatro, de Marisa Irimia, Servando Barreiro, Charo Pita e Chus Ferrín.

Ao longo da semana desenvolvérase un curso de formación para o profesorado entre as 18,00 e as 20,00 h. na que participaran os profesionais que realizan os obradoiros para os cativos.

Tamén o martes 20 de maio, ás 18,30 horas realizarase unha actividade para as familias, denominada “Animación á lectura dende a casa” dirixida a pais e nais sobre dinámicas de animación á lectura a desenvolver no fogar.

Todas estas actividades terán lugar na Biblioteca Municipal de Tui, no edificio Área Panorámica.

Amáis haberá diversas exposicións de libros, ilustradores e materiais elaborados polos alumnos dos centros educativos do concello tudense.

Finalmente a clausura terá lugar o sábado 24 de maio cunha nova actuación no Teatro Municipal ás 12,30 horas, desta volta coa actuación de Títeres Cascanoces que porá en escena a obra “A rúa das pantasmas”.

Dores Silverira, da Asociación socio-pedagóxica galega, resaltou a importancia desta semana que chega a 10 localidades de Galicia que eles coordinan, e que ten como obxectivo achegar o libro e a lectura a todos os sectores sociais para fomentar o hábito lector mediante actividades lúdicas.

Moisés Rodríguez Pérez, concelleiro de cultura tudense, congratulouse pola celebración desta Semana que ven afondar na aposta que realiza o Concello pola potenciación da biblioteca e as actividades de animación lectura, amáis no ano dedicado a Xosé María Álvarez Blázquez, tan vencellado ao mundo da lectura. Moisés Rodríguez agradeceu á Consellería a elección de Tui como sede desta Semana.

A delegada provincial da Consellería de Cultura e Deporte, María Xesús López Escudeiro, destacou o carácter participativo, interdisciplinar desta actividade dirixida a todos os públicos pola variedade de actividades programadas para mergullar a todos na maxia da lectura.

Todos os intervintes salientaron e agradeceron o importante papel dos profesores dos centros de ensino de Tui pola súa colaboración na organización da Semana e convidaron aos tudenses e as xentes do Baixo Miño, de todas as idades, a paticipar nestas actividades.