Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Presentada a programación cultural do segundo semestre do ano en Tui, coa venda de entradas por internet como novidade

15/07/2008

A venda de entradas por internet gran novidade da programación cultural de Tui no segundo semestre

Son case unha trintena de espectáculos

Martes, 15 de xullo de 2008. A venda de entradas por internet e case unha trintena de espectáculos a celebrar até o próximo mes de decembro, son dúas da características máis salientables da programación para o segundo semestre de 2008 no Concello de Tui. As actividades previstas veñen recollidas no número 16 da Axenda Cultural Corredoira que foi presentada este mediodía na Casa do Concello de Tui polo Alcalde, Antonio Fernández Rocha, e polo Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez.

Este novo número da Axenda Cultural, da que se editan 15 mil exemplares, reflicte a programación do segundo semestre do ano que se desenvolverá até finais de decembro, cun orzamento total de 120 mil euros, dos que o 40% son aportados polo propio Concello. Nese senso Moisés Rodríguez salientaba a “aposta económica que fai o Concello para dar continuidade á programación anual”. Lamentaba amais a “resposta escasa ou nula” que están a ter por parte da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia. Crítica na que afondaba o Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, quen non entende que sendo Tui un referente cultural na zona a Consellería de Cultura non “inviste nin manda actuacións”. Aínda así dicía “seguimos esperando coas mans abertas”. Por conta si quixo deixar constancia do seu agradecemento á Consellería de Industria e Innovación e ao Xacobeo que si apostan por Tui. O rexedor tudense tamén se referiu a Caixa Galicia e Caixanova indicando que “Tui merece unha atención máis importante” por parte destas entidades.

A principal novidade deste semestre vén dada pola posta en marcha, en outubro, da billeteira electrónica, para a venda ao través da internet das entradas para os espectáculos que se celebren no Teatro. Unhas localidades que o día da función poderán mercarse tamén na billeteira coma até o de agora.

Cinema, música, teatro, e danza son algúns dos xéneros que están presentes nesta consolidada programación, que contou co respaldo de numerosas institucións coma resposta a excelente acollida que o público de Tui brinda aos espectáculos. Os escenarios van da clásica praza de San Fernando, á Igrexa de Santo Domingo, o Claustro da Catedral e o Teatro Municipal.

A programación do Verán Cultural comezou o pasado día 5 co primeiro dos concertos do Festival Vía Stellae, que resultou moi exitoso ao igual que o celebrado o pasado sábado.

Esta fin de semana será unha das máis intensas da programación estival con tres citas. O venres ten lugar a segunda proxección de cinema coa película “Bee Movie” da factoría Dreamworks. O sábado a Deputación de Pontevedra elixiu Tui para celebrar o Concurso da Zona Sur de Bandas de Música. E o domingo Caixanova presenta na cidade ao cantante de Lousiana C.J. Chenier que ofrecerá o mellor de soul, funk e jazz.

O folclore volverá estar presente neste verán da man do XV Encontro dos Pobos que organiza o grupo “Do Lusco ao Fusco da Guarda”, e coa IX Noite Internacional do Miño que promove o Grupo de Baile e Gaitas “San Fins” de Rebordáns.

Non faltará a cita co son das Bandas de Música na que a Banda de Música Popular de Tui volverá ser a anfitriona.

No que a programación de outono se refire destacan nomes coma o de Nancho Novo, María do Ceo e unha nova presenza na cidade do Centro Dramático Galego.

A Axenda Cultural Corredoira recolle tamén as citas na Sala de Exposicións Municipal, onde salienta a presenza dunha mostra do escultor tudense Cristino Mallo, así coma da Biblioteca Municipal.

A “Corredoira” é repartida nos fogares tanto de Tui coma de Valença do Miño, amais de nos distintos espectáculos e establecementos comerciais e hostaleiros.

A difusión de toda esta programación complétase coa valla publicitaria instalada no exterior da Área Panorámica, coa distribución de carteis e voandeiras de cada espectáculo, a difusión nos medios de comunicación ao través do Servizo de Información ao público por correo electrónico, no que hai xa máis dun centenar de inscritos.