Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Pajarito, Troula Animación, Clown Nano, Circo Chosco e Daniel Gonçalves pechan o FIAR 2021

25/07/2021

Conta cun protocolo adaptado ás medidas sanitarias de cada municipio. O espectáculo de Troula Animación mudouse, por unha función estática, ao non permitirse en Tui público de pé.

A Eurocidade Tui-Valença despide hoxe a primeira edición do FIAR, Festival Internacional de Artes de Rúa, con seis novas funcións a unha e outra beira do río, adaptadas as medidas sanitarias en vigor en cada municipio.  Precisamente o cambio a nivel medio de restricións no que está Tui dende este sábado levou á organización do FIAR 2021 a mudar o espectáculo previsto inicialmente por parte de Troula Animación, xa que se trataba dun espectáculo itinerante no que o público ía acompañando a función, por outro que se realizará de forma estática con público sentando, cumprindo así a nova normativa que entrou en vigor e que prohibe en concellos de nivel medio espectáculos con público de pé.

Cómpre lembrar que o FIAR está a desenvolverse cun protocolo covid que recolle o control de accesos en cada espectáculo, desinfección con xel hidroalcóholico, distancia de seguridade entre as cadeiras que ocupan os espectadores, entre outras medidas.  Estableceuse amais reserva previa de entrada a través das webs www.tui.gal e www.visitvalenca.com

“A Vida Tola de Pajarito”, un espectáculo para público familiar de clown e escapismo baixo a dirección de Pista Catro Produtora de Soños e dirixido por Natalia Outeiro ‘Pajarito’ e Antón Coucheiro abrirá ás 15.30 h o programa desta xornada dominical no auditorio da ESCE, a onde se trasladou ante a previsión de choiva a esa hora. Actuará de novo ás 21.30 h na Praza do Concello, en Tui.

Troula Animación, que mudou o espectáculo inicialmente previsto polas novas medidas establecidas en Tui,  presenta “Funky Party”, no que dous zancudos bailarán ao ritmo da música discotequera dos ´80. Será ás 16.30 h no Jardim das Amoreiras en Valença e ás 22.00 h no Paseo da Corredoira en Tui.

“Heaven” é espectáculo familiar que realizará o internacional Daniel Gonçalves, no que o pallaso se pregunta polo mundo. Heaven é unha mostra de equilibrio, manipulación de obxectos e moito humor. Representarase ás 17.30 h no Largo do Governo Militar en Valença.

Clown Nano porá en escena ás 18.30 h no Jardim das Amoreiras en Valença e ás 23 h no Paseo da Corredoira en Tui “Amore”, unha función na que un ser humano se transforma nun anxo. É un espectáculo imprevisible no que o amor está no ar.

Ás 20.30 h no Paseo da Corredoira Circo Chosco representará “Forzu2” no que o humor e o absurdo son o fío condutor dun divertido espectáculo, no que dous atletas realizan trucos imposibles. Risco, desastre e absurdo sucédense neste espectáculo visual e de humor.

Domingo, 25 de xullo

  • Ás 15.30 h no auditorio da ESCE en Valença Pajarito con “A Vida Tola de Pajarito”. Aforo 50 persoas.
  • Ás 16.30 h no Jardim das Amoreiras en Valença Troula Animación con “Funky-Party”.
  • Ás 17.30 h no Largo do Governo Militar en Valença Daniel Gonçalves con “Heaven”. Aforo 50 persoas.
  • Ás 18.30 h no Jardim das Amoreiras en Valença Clown Nano. Aforo 60 persoas.
  • Ás 20.30 h no Paseo da Corredoira Circo Chosco con “Forzu2”. Aforo 120 persoas.
  • Ás 21.30 h na Praza do Concello Pajarito con “A Vida Tola de Pajarito”. Aforo 60 persoas.
  • Ás 22.00 h no Paseo da Corredoira Troula Animación con “Funky-Party”.  
  • Ás 23.00 h no Paseo da Corredoira Clown Nano. Aforo 120 persoas.