Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Oito nenas e nenos saharauís pasan as súas Vacacións en Paz no Baixo Miño e no Val Miñor

13/07/2018

Foron recibidos esta mañá no Concello de Tui que colabora hai unha década con esta iniciativa

O Concello de Tui leva máis de dúas décadas colaborando coa asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí no programa “Vacacións en paz”. Unha iniciativa que permite a nenos e nenas saharauís pasar o verán en Galicia, lonxe das inhóspitas condicións do deserto, e acceder a unha asistencia sanitaria que no seu lugar de orixe é moi difícil.  Este ano son sete nenas e un nenos os que até comezos do mes de setembro pasarán esta época estival no seo de familias acolledoras nas comarcas do Baixo Miño e do Val Miño.

Sete deles – o oitavo non puido acudir - foron recibidos na casa do concello de Tui polo alcalde, Carlos Vázquez Padín, e a concelleira de Servizos Sociais, Estrella Muradas, que lles entregaron uns agasallos e compartiron uns momentos con elas e eles e as súas familias de acollida. Tamén estivo presente  o delegado na zona de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí Xosé Enrique Porto, quen explicou que amais de coñecer o mar, outra cultura, e aprender o castelán son fundamentais as revisións médicas.

Ir á praia, á piscina, comer pizza ou pasta, pasear... son algunhas das actividades preferidas destes cativos na súa estadía en Galicia. Algúns xa disfrutaron do verán galego en anteriores ocasións.