Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Oficina de Rehabilitación informa sobre as axudas para a rehabilitación ou mellora de vivendas

20/09/2017

Nestes intres está aberta a convocatoria para a instalación de ascensores e outros dispositivos de accesibilidade

A información sobre liñas de axudas ou subvencións existentes en cada momento é un dos obxectivo da Oficina de Rehabilitación do Concello de Tui posta en marcha o pasado mes de xullo.

Nestes intres informan das axudas para a instalación de ascensores e outros dispositivos de accesibilidade para vivendas unifamiliares e edificio colectivo convocadas pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda.  As achegas van dos 1.000€ para a instalación de salvaescaleiras de cadeira ata os 35.000€ para o ascensor nunha edificación colectiva de menos de 8 vivendas no conxunto histórico ou no Camiño de Santiago.  Os interesados poden informarse desta convocatoria os xoves co persoal técnico da oficina en horario de 9 a 14h na casa do concello. Alí explicaranlles as condicións, requisitos e documentación precisa para tramitar a solicitude.

Nestes intres seguen abertas amais outras convocatorias. Así ata o 29 de setembro pódense presentar as solicitudes para o Plan Renove de Fiestras, e ata o 20 de novembro para o Bono de Alugueiro Social do Plan rehaVita e para o Plan Renove para as Instalacións Eléctricas comúns.

Lembramos que o obxectivo da Oficina de Rehabilitación, dependente da Concellería de Patrimonio, é promover a rehabilitación do núcleo histórico, tanto na súa dimensión física como na revitalización social, económica e cultural.  

O persoal técnico da Oficina de Rehabilitación atende ao público no departamento de Urbanismo os xoves de 9:00 a 14:00 h.  No caso de non poder asistir ese día os interesados poden deixar os seus datos de contacto neste departamento e os técnicos contactarán con eles.