Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O vindeiro sábado, 5 de decembro, entrega da medalla de ouro de Tui aos Maristas

30/11/2009

O CONCELLO DE TUI ENTREGARA A SÚA MEDALLA DE OURO AOS MARISTAS O ESTE SÁBADO 5 DE DECEMBRO

 

Luns, 30 de novembro de 2009. Este sábado, 5 de decembro, ás 12,00 horas no Salón de Plenos da Casa do Concello tudense terá lugar o acto solemne de entrega da medalla de ouro deste Concello a Orde dos Irmás Maristas, dando cumprimento ao acordo do Pleno da Corporación Municipal tudense do pasado mes de xuño.

 

Esta distinción foi acordada con motivo da celebración no presente ano do primeiro centenario da chegada á cidade deste instituto relixioso que salienta pola súa achega no ámbito educativo. Neste sentido, cómpre salientar que ata 1995 no seu centro da Lagoa estivo situado o centro de noviciado destes Irmáns de María no que recibiron formación milleiros de rapaces de toda España. Tamén neste inmoble entre os anos 1952 a 1963 estivo instalada a Escola de Formación do Profesorado "Luís Vives" e os Maristas mantiveron sempre a súa vocación educativa para a poboación tudense como testemuñan o colexio "San José" fundado no 1912 ou o actual Colexio Santa María en funcionamento dende 1996.

 

No decurso do acto o Alcalde tudense, Antonio F. Fernández Rocha, entregará a medalla e o diploma acreditativo ao Superior Provincial da Provincia Maristas Compostela, que abrangue a zona norte de España, o irmá Primitivo Mendoza González, vinculado durante moitos anos á casa tudense e coñecido por moitos dos nosos veciños. Acompañaran ao provincial outros membros dos Maristas que tiveron especial relación co cidade tudense e que agora noutros destinos volven nesta efeméride a Tui para expresar o seu agradecemento e estima á cidade miñota.

 

O Concello de Tui convida a todos os veciños a participar neste acto institucional para expresar a gratitude desta cidade á vocación educativos desenvolvida polos Maristas na nosa cidade.