Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O venres inaugúrase a exposición "Tintas galegas" adicada ás serigrafías do tudense Álvaro Álvarez Blázquez

6/02/2007

O VINDEIRO VENRES INAUGÚRASE A EXPOSICIÓN “TINTAS GALEGAS” ADICADA Á OBRA SERIGRÁFICA DO TUDENSE ÁLVARO ÁLVAREZ BLÁZQUEZ

O vindeiro venres, 9 de febreiro, a Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui acollerá a inauguración da exposición “Tintas galegas: sobre a `Serigrafía Gallega´ de Álvaro Álvarez Blázquez”, e que recolle unha escolma da producción de serigrafía artística promovida, nos primieros anos da década dos setenta do pasado século, polo tudense Álvaro Álvarez Blázquez.
No acto de inauguración desta exposición o venres 9 de febreiro ás 20,00 horas participará Javier Álvarez-Blázquez, o director de Edicións Xerais de Galicia, Manuel Bragado, xunto ao Alcalde de Tui, Antonio Feliciano Fernández Rocha. Esta exposición que recolle o material da mostra realizada en Vigo hai agora tres anos chega a Tui gracias ás xestións da Concellería de Cultura do Concello tudense, que dirixe Moisés Rodríguez Pérez.
Álvaro Álvarez Blázquez (Tui 1921 – Vigo 2005), fillo do médico Dario Álvarez Limases (fusilado nos inicios da Guerra Civil), trasladouse a Vigo moi novo, onde dende 1944 traballou como funcionario no Instituto Social da Mariña e, coma os seus irmáns Xosé María, Dario, Emilio e Alfonso, promoveu e participou en numerosas iniciativas culturais na cidade olívica. Unha delas foi cando montou un obradoiro profesional de serigrafia industrial chamado “Serigrafía Gallega”. Amáis dos traballos “comerciais” foi simultaneando a impresión de carteis para festas, etc.
A mediados dos anos sesenta Álvaro fai amistade co pintor Virxilio nacendo de aí a colección “SEGA”, a colección de serigrafías de arte que encetan a súa andaina en 1971. Virxilio, Luis Seoane, María Antonio Dans, Laxeiro, Agustín Pérez Bellas e ata 25 pintoras e pintores galegos sumáronse a esta iniciativa.
“O labor de promoción e popularización da pintura galega realizada por “Sega” – sinala o editor Manuel Bragado- foi valorada de forma unánime e entusiasta polas personalidades da cultura galega do seu tempo. Un labor, pois, a realizada por “Serigrafía Gallega” de promoción e popularización dos nosos pintores que permitiu nos difíciles anos do Tardofranquismo rachar a invisibilidade na que ata entón case se mantiña a nosa plástica. O recoñecemento (…) desta proeza realizada por Álvaro Álvarez Blázquez supón un xusto exercicio de memoria e autoestima para toda a comunidade artística galega”.
A Concellería de Cultura do Concello de Tui, en palabras do concelleiro Moisés Rodríguez Pérez, amosa o seu agradecemento a familia de D. Álvaro Álvarez Blázquez polas facilidade ofrecidas para a presenza en Tui desta exposición e congratúlase pola mesma pois réndelle unha pequena, pero xusta, homenaxe de recoñecemento a este egrexio tudense que tanto traballou a prol da cultura de Galicia.