Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Teatro Municipal acolle o domingo a representación de "Don Juan Tenorio"

9/11/2007

O Teatro Municipal acolle a representación de “Don Juan Tenorio”

A prestixiosa compañía L’om Improbís leva a escena este clásico o domingo ás 20h 

Venres, 9 de novembro de 2007. O Teatro Municipal de Tui acolle este domingo ás 20h a representación de todo un clásico “Don Juan Tenorio” de Zorrilla. A obra chega á cidade grazas á colaboración entre Caixanova e o Concello de Tui. Un gran elenco, con 16 actores en escenas, e unha coidada escenografía xunto a selo especial de L’om Imprebís farán gozar ao público da representación. A compañía está de xira por Galicia logo de pór en escena este Don Juan o pasado día 1 en Alcalá de Henares ante miles de persoas.  

L’om Imprebís  está a piques de cumprir 25 anos na escena española, tempo no que consolidou un repertorio que combina a montaxe de textos europeos de primeira orden e a creación en directo sobre a arte da improvisación.  Ao longo da súa carreira a compañía tense identificado cun teatro comprometido coa actualidade, con contidos maduros servidos dun xeito fresco, orixinal e directo para o espectador.  Ao fronte de L’om Improbís sitúase Santiago Sánchez, un dos creadores teatrais con maior actividade nos últimos anos, que posúe un longo currículo profesional no que destaca o Premio das Artes Escénicas da Generalitat valenciana en 2000. 

Entre os actores que subirán a escena destacan catro nomes da escena española que dotan a obra dun plus de calidade; son Fernando Gil, Alba Alonso (protagonista de Las Trece Rosas), Trinidad Iglesias e o barítono Luis Álvarez.   Cabe salientar tamén a presenza dunha orquestra de sete músicos dirixidos por Yayo Cáceres e Manuel Coves que interpretan en directo unha música orixinal que vai da tradición popular ao canto coral contemporáneo. A representación dará comezo ás 20h e as entradas poranse á venda o domingo ás 16.30h ao prezo de 12€, 10€ con desconto.  

L’om Improbís con “Don Juan Tenorio”

Lugar: Teatro Municipal, r/Colón nº2 Tui

Data: Domingo 11 de novembro  ás 20.00h

Prezo: 12€ - 10€ con desconto Retirada de localidades dende ás 16.30h

Organiza: Concellería de Cultura de Tui e Caixanova