Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

“O que arde” de Oliver Laxe poderá verse, en dobre pase, este venres en Tui

3/02/2020

Ante a gran demanda de localidades o Concello de Tui decidiu realizar dúas proxección do filme

 “O que arde” de Oliver Laxe poderá verse este venres en Tui en dobre función, ás 19.30 h e ás 21.30 h. O Concello de Tui ante a gran demanda de localidades rexistrada dende a apertura da venda online o pasado sábado decidiu realizar dous pases da película.  

Interpretada por Amador Arias, Benedicta Sánchez, Inazio Abrao, Elena Fernández, David de Poso, e Álvaro de Bazal achéganos ata unha aldea das montañas lucenses, a onde regresa Amador tras cumprir condena por provocar un incendio. Volve vivir coa súa nai, Benedicta, a súa cadela Luna e tres vacas. Todo nas súa vidas cambia cando un lume violento arrasa a zona.

“O que arde” dende a súa estrea o ano pasado tense convertido xa na película rodada en galego máis vista, con máis de 70.000 espectadores, superando a “Sempre Xonxa” de Chano Piñeiro.  

Amais do aplauso do público o filme ten colleitado tamén os parabéns da crítica e conta no seu haber con varios premios. Os dous últimos son os Goya de Mellor actriz revelación, para Benedicta Sánchez, e o de Mellor dirección de fotografía para Mauro Herce, pero tamén foi galardoado nos festivais de Cannes, Donostia, Toronto ou Nova York.

As entradas online volveranse a pór á venda hoxe ás 20 h en www.culturatui.info,  onde se poderán mercar até este venres ás 12 h. Resérvanse 50 entradas por pase para a venda no despacho de billetes o venres hora e media antes da proxección. Os prezos son 5€ e 4€.