Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O mércores recital poético conmemorativo do CLXVIII aniversario dos Xogos Florais de Galicia

22/06/2009

 TUI CONMEMORA O CXVIII ANIVERSARIO DOS XOGOS FLORAIS DE GALICIA CUN RECITAL POÉTICO O MERCORES 24 DE XUÑO

 

Celebrarase na Igrexa de San Domingos coa participación de Yolanda Castaño, Eva Veiga e Marga do Val e a colaboración do músico Tomás Camacho

 

A cidade de Tui conmemorará o vindeiro mércores 24 de xuño o CXVIII aniversario da celebración dos Xogos Florais de Galicia cun recital poético que reunirá na Igrexa de San Domingos a partires das 20,30 horas ás poetas Yolanda Castaño, Eva Veiga e Marga do Val, coa colaboración do músico Tomás Camacho, nunha actividade organizada pola Biblioteca Pública Municipal de Tui ao abeiro do programa Letras Vivas da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.

Este festival poético rememora a celebración na nosa cidade o 24 de xuño de 1891 dos Xogos Florais de Galicia, primeiro acto público realizado íntegramente na nosa lingua, e que organizados pola Asamblea Rexionalista Galega premiaban composicións en galego e castelán de diversos xéneros, como no caso tudense, a poesía. O primeiro presidente da institución, Manuel Murguía converteríase aquel día no primeiro intelectual en dirixirse ao público en galego, lendo un discurso que constitúe un compendio do seu pensamento historicista e reivindicador sinalando que o principal obxectivo era "o renacemento dunha nacionalidade case morta e esquecida por medio da literatura, das tradicións e da historia".

Na cidade de Tui unha Xunta Rexionalista integrada por Manuel Fernández de Herva, como presidente,  xunto a Eduardo Caballero Canals, o coengo Antonino Cerviño González, Juan Areses Alonso, o tamén coengo Manuel Lago González, Juan Ávarez Cordero, Indalecio Rodríguez de Córdoba, Justo Salvador Fortes, Leoncio Comesaña González, Vicente García Rivera e Martín Díaz Spuch, organizaron, como representantes do Consistorio dos Xogos un amplo programa que supuxo incluso o traslado das festas patronais de San Telmo. Do amplo programa desenvolvido salienta o propio acto dos Xogos, xunto a un concurso de gaiteiros, unha cea rexionalista ou a función solemene de San Telmo na Catedral tudense coa actuación da orquestra catedralicia dixirxa polo mestre Manuel Martínez Posse.

A Concellería de Cultura tudense a través da Biblioteca Pública Municipal ven rememorando dende o pasado ano esta aniversario que sitúa a cidade de Tui no berce do rexurdimento do noso idioma coa celebración dun recital poético que neste ano contará coa participación das poetas: Yolanda Castaño, Eva Veiga e Marga do Val. Completa o programa a intervención do músico Tomás Camacho, que intrepretará unhas pezas á guitarra.

 

Eva Veiga (Pontedeume, 1961) periodista e poeta, tanto na prensa escrita como na televisión de Galicia desenvolveu unha intensa actividade, logrando diversos premios (TP ou o Galicia de comunicación). Ten editados diversos poemarios: "Fuxidos" (1993), "Paisaxe do baleiro" (1999), "A lúa e as súas cicatrices" (2006), "Desconcerto" (2006). Eva Veiga é unha poeta excepcional no panorama de Galicia, pois ten atopado na poesia a forza para recompoñer a súa existencia marcada por unha grave enfermidade logran unha grande riqueza na súa expresión poética

 

Yolanda Castaño (Santiago, 1977), poeta e crítica literaria, coñecida últimamente pola súa presenza no programa televisivo "Cifras e letras" , publicou con 17 ano o seu primeiro poemario "Elevalas palpebras" (1995) continuando logo unha intensa traxectoria poética onde ten conseguido rachar coa barreira entre a palabra escrita e outras linguaxes audiovisuais. Premio Nacional de la Crítica en 1999 por su libro "Vivimos no ciclo das Erofanias"m é autora tamén de "Libro da egoista"(2003) ou "Profundidade de campo" (2007).

 

Marga do Val (Vigo, 1964) é o nome literario de Marga Romero Lorenzo, Licenciada en Filoloxía Hispánica, Galego- Portugués pola Universidade de Santiago de Compostela. Profesora de Ensino Medio de Lingua e Literatura Galegas na nosa cidade.  Critica literaria e articulista en diversos medios, autora de varios poemarios ("Entre dunas", "Poemas pola memoria", "Sarabia", etc), da novela "O prognóstico da lúa" e recentemente de varias adapatacións teatrais para a compañia viguesa "Teatro Arte Libre".