Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O martes 15 de maio conferencia de Marga do Val sobre María Mariño na Biblioteca Municipal

11/05/2007

O VINDEIRO MARTES CONFERENCIA DA ESCRITORA MARGA DO VAL SOBRE MARIA MARIÑO NA BIBLIOTECA MUNICIPAL DE TUI 

A Biblioteca Pública Municipal de Tui organiza o vindeiro martes, 15 de maio ás 20,30 horas, unha charla literaria sobre a poetisa á quen adicáselle este ano o Día das Letras Galegas, Maria Mariño Carou, que correrá a cargo da escritora e profesora de galego no IES “San Paio” de Tui, Marga do Val. A conferencia leva o título de “Maria Mariño, cosendo a conciencia da escrita”.

Esta actividade forma parte da programación que a Biblioteca Municipal tudense ven desenvolvendo ao longo do este mes baixo o nome de “Mes dos libros”. Para o concelleiro de cultura do Concello de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, resulta de grande interese esta conferencia pois, amáis de contribuir á difusión da vida e da obra de Maria Mariño, pronunciará esta charla a escritora Marga doVal, especialmente vencellada á nosa cidade e quen ten realizado diversas publicacións sobre a poetisa Maria Mariño. Amáis, engade o concelleiro, será a primeira ocasión en que Marga do Val ofreza unha charla na nosa cidade, fora dos ámbitos educativos. Marga  do Val (Marga Romero Lorenzo) naceu en Vigo na metade do mes de abril, ás 15 h e 15 minutos. Licenciada en Filoloxía Hispánica, Galego- Portugués pola Universidade de Santiago de Compostela. Profesora de Ensino Medio de Lingua e Literatura Galegas no IES San Paio de Tui.Exerceu a docencia como Lectora de Lingua e Literatura Galegas na Universidade de Tréveris (1995-2000) e impartiu aulas na Universidade de Colonia. É Vicepresidenta da Asociación Galego Alemana.Como crítica literaria e articulista colabora en diferentes medios de prensa: GRIAL, A Festa da Palabra Silenciada, Galicien- Magazim, A Nosa Terra, etc.Ten publicado diversas obras: Carolina Otero, Entrevistas con R. Dieste, escritor de quen ten publicado outras obras de carácter didáctico, O prognóstico da lúa, Polifonias, Saraiba, etc. María Mariño Carou naceu en Noia o 8 de xuño de 1907. De familia humilde, -era a segunda de cinco irmáns-, deixou moi nova a escola para exercer como costureira. As prementes necesidades económicas en que vive a súa familia obrígana a se trasladar ao Pazo de Goiáns, en Escarabote (Boiro), onde morou un tempo cunha súa tía que traballaba como costureira. É precisamente esta circunstancia a que lle permite entrar en contacto coa literatura escrita, na magnífica biblioteca de que o pazo dispón, accedendo a lecturas con que enriquecerá a súa formación e sensibilidade.
A autora noiesa vive parte da guerra civil española en Algorta (Biscaia), e posterioremte escribirá, produto das lembranzas desta traxedia, o relato inédito “Los años pobres.
Memoria de guerra y posguerra“. Finalizada a guerra civil contrae matrimonio con Roberto Posse Carballido, destinado ao País Basco pola súa profesión de mestre. Alí tiveron un fillo, que faleceu ao mes e medio de nacer. Esta morte, á que se uniu a da súa mai, provocaría en María Mariño unha fonda depresión nerviosa. De regreso á Galiza e tras un tempo en Arzúa, instaláronse no Courel, primeiro en Romeor e posteriormente en Parada.
En 1953 coñeceu a Uxío Novoneyra, quen se convertiría nun forte estímulo para María Mariño comezar a escribir e a través do que superaría o illamento en que vivía, entrando en contacto con outros escritores como Manuel María, Domingo García Sabell, Victoria Armesto, Sixto Seco, Augusto Assía ou Ramón Piñeiro. No entanto, a súa relación con persoas vinculadas ao ámbito cultural galego son escasas e en grande parte promovidas por Novoneyra. En 1963, a editorial Celta de Lugo publica Palabra no Tempo, con prólogo de Ramón Otero Pedrayo, e só vinte e sete anos despois coñeceremos Verba que comenza (1990), con poemas escritos nos últimos meses de vida. Á métrica tradicional do primeiro poemario sucederase o versolibrismo en Palabra no Tempo, cunha constante ao longo de toda a súa traxectoria: intimismo radical  e liguaxe rupturista.
María Mariño morre o 19 de maio de 1967 como consecuencia da leucemia que padecía, converténdose nunha figura literaria de enorme orixinalidade na historia das nosas letras.