Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O lúns inagúrase a exposición "Antón Alonso Rios. O Siñor Afranio"

31/10/2008

O LUNS 3 DE NOVEMBRO INAUGÚRASE EN TUI A EXPOSICIÓN “ANTÓN ALONSO RIOS. O SIÑOR AFRANIO”

 

O vindeiro luns, 3 de novembro, inaugúrase na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui a mostra itinerante titulada “Antón Alonso Ríos. O siñor Afranio” que organiza a Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia coa colaboración do Concello de Tui. Na inauguración estarán senllos representantes da Consellaría de Cultura e Deporte e do Concello de Tui e tamén participará o comisario da exposición, o profesor Bieito Alonso, presidente da Comisión Cidadá pola Verdade do 36 do Baixo Miño.

 

A exposición fai un percorrido pola vida e o pensamento de Antón Alonso Ríos, profesor e político, que tras o levantamento militar de 1936 pasou varios anos percorrendo os montes de Galiza e Portugal facéndose pasar por un cidadán portugués chamado Siñor Afranio. En 37 paneis a mostra percorre tres etapas vitais: desde o seu nacemento ata o ano 1936, o período 36-39, no que el estivo fuxido, e do ano 1939 ata o final da súa vida.

 

Tui é unha das primeiras localidades galega en acoller esta mostra porque xoga un papel moi importante na traxectoria de Alonso Ríos, pois na súa condición de director da escola tomiñesa da Aurora del Porvenir e pola súa actividade política na comarca do Baixo Miño tivo unha intensa actividade docial e política na nosa cidade.

 

A exposición poderase visitar logo noutras quince localidades polas que pasou o Siñor Afranio fuxindo das autoridades franquistas. A continuación a mostra chegará ao seu concello natal, Silleda, e ás principais cidades galegas.

 

A mostra enmárcase nunha serie de actividades que co nome Roteiro do Afranio organiza a Consellaría de Cultura e Deporte, en colaboración coa Comisión pola Memoria Siñor Afranio e a Asociación Sociocultural Adellis. Este proxecto pretende dar a coñecer a un público amplo a figura de Alonso Ríos. Trátase dun proxecto que ademais da exposición inclúe unha web divulgativa do roteiro e da figura do deputado agrarista e unha guía de turismo cultural.

 

Cabe lembrar que as súa memorias de fuxido “O siñor Afranio ou como rispei das gadoupas da morte” foron realizadas a instancias do escritor e editor tudense Xosé María Álvarez Blázquez no decurso da visita que realizou á Arxentina. Para o Concello de Tui, segundo sinala o concelleiro de cultura tudense Moisés Rodríguez Pérez, esta circunstancia é especialmente reseñable pois estamos celebrando na nosa cidade o “Ano Xosé María Álvarez Blázquez” e esta exposición posúe este interese engadido xunto a singular aportación que supón para o coñecemento da traxectoria deste importante activista que tanto significou na historia do Tui e do Baixo Miño nos tempos da II República.



A vida de Alonso Ríos

Antón Hipólito Alonso Ríos, naceu en 1887. Logo de estudar en Compostela, emigrou a Arxentina ao igual que algúns dos seus once irmáns. Alí traballou coma mestre e entrou no mundo societario colaborando coa fundación "Sociedad Hijos de Silleda" en 1908. De 1919 a 1931 foi xerente da "Sociedad Científica Argentina".


Volveu á península en 1931, enviado pola Federación de Sociedades Galegas, representando á emigración na II República. Ese ano foi escollido membro do Consello Permanente do Partido Galeguista así coma presidente da "Asemblea Republicana de La Coruña" para o estudo do anteproxecto do Estatuto de autonomía de Galicia. Traballando en Tomiño coma director de escola, defendeu os intereses do mundo agrario desde a "Federación Provincial Agraria de Pontevedra" e participou na Campaña Pro Estatuto. En 1936 resultou elixido deputado agrario ás Cortes polo Frente Popular.

 

Logo do golpe de Estado militar, tomou parte na defensa da República en Tomiño, organizando a resistencia mediante a agrupación de gardas de asalto en Tui. Perseguido, fuxiu disfrazado coa identidade do cidadán portugués "Siñor Afranio de Amaral" nas vilas e montes galegos. Foi mendiño, traballou nas colleitas e nas casas e ata se fixo pasar por frade. Tras pasaren tres anos, consegue chegar a Porto, Casablanca e finalmente Bos Aires.

 

No exilio, colaborou cos refuxiados galegos no exterior e, despois de chegar Castelao a América en 1940, axudaron a reconstruír o nacionalismo galego coa "Irmandade Galega", a alianza "Galeuzca" e o Consello de Galiza.

 

As súas obras más destacadas foron os ensaios "Noite i amañecer de Galiza" (1942), "Co pensamento na Patria Galega", "Da saudade, amore, arte e misticismo" (1956) e "A Cultura Galega na súa dimensión americana" (1961). Participou, nos últimos anos da súa vida, en todas as actividades patrióticas da colectividade galega. Na autobiografía "O Siñor Afranio ou como me rispei das gadoupas da morte. Memorias dun fuxido" (1979), editada a instancia do polígrafo tudense Xosé María Álvarez Blázquez describe o seu periplo durante a persecución franquista. Faleceu en 1980, aos 93 anos de idade.