Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concerto de Fin de Ano pecha a actividade cultural de 2006 en Tui, no decurso do mesmo o Concello entregará a Banda de Música Popular de Tui unha Mención Honrífica Especial

29/12/2006

O Concerto de Fin de Ano pecha a actividade cultural de 2006 en Tui
A Coral da S.I. Catedral e a Banda de Música Popular de Tui serán as responsables deste evento

Mañá venres culmina a actividade cultural desenvolvida en Tui ao longo dos últimos doce meses baixo a organización da Concellería de Cultura. O Concerto de Fin de Ano pon o broche de ouro a unha programación que ten recibido o respaldo do público, que se agarda mañá volva encher as butacas do teatro tudense. A cita será a partir das 21.30h no Teatro Municipal. As entradas poranse á venda ás 16.30h ao prezo de 2€, 1€ con desconto e 1€ os menores de 14 anos.

Por sétimo ano consecutivo a Concellería de Cultura aposta por dúas agrupacións tudenses, a Coral da S.I. Catedral de Tui e a Banda de Música Popular de Tui, para protagonizar este evento despedida de ano. Ofreceran unha pequena mostra do seu repertorio onde non faltarán as composición típicas navideñas. Rematarán interpretando xuntas “La del Soto del Parral” e “Adeste Fidelis”.

A Coral da S.I. Catedral de Tui actuará en primeiro lugar acompañada ao órgano por Don Camiño Paz Valverde e baixo da dirección de Don Agustín Sobral.

Interpretarán:
- Blanca Navidad ......................... Irvin Berlin
- Coral (Cantata 147) .................... J.S. Bach
- Negra Sombra …........................ Juan Montes
- El Condor Pasa ......................... Daniel Alomía Robles
Jorge Milchberg
Arm. Camilo Paz
- Caminito…………….…………… Juan de Dios Filiberto
- Tui, mira si te querré……………. Ricardo Guirao
(Adaptación Letra Agustín Sobral)

A Banda de Música Popular de Tui estará baixo a batuta de D. Adolfo Besada.
Interpretarán:
- Ponteareas (pasodobre)………………….. Reveriano Soutullo
- L’Arlésienne (minueto) .…………………...George Bizet
- Do, Re, Mi (B.S.O Sorrisos e Bagoas) …Richard Rogers
- Annen Polka ………………………………..Johan Strauss
- Fuerfest Polka ………………….………….Joseph Strauss
- Danubio Azul ……………………..………..Johan Strauss
- Marcha Radetsky …………………………Johan Strauss

Este evento será aproveitado para facer entrega á Banda de Música Popular de Tui dunha mención de honra concedida polo Concello en recoñecemento a súa longa traxectoria musical, da que se veñen de cumprir 125 anos.

Coral da S.I. Catedral
Hai máis de tres décadas, o día de San Telmo, nacía en Tui unha agrupación coral que levaría e leva dende entón o nome do principal templo da cidade. A coral da S.I Catedral presentábase ó público poucos meses despois do seu nacemento, foi en novembro daquel 1972, e o lugar da súa primeira actuación foi o cine Yut.

Dende entón sucedéronse escenarios, concertos, voces, partituras, ... 34 anos enchendo coas súas interpretacións distintos eventos musicais. Neste tempo houbo momentos destacados como o ano 1981 cando a Coral da S.I. Catedral de Tui se integrou na Federación Coral Galega, e moito máis importante foi o ano 97, cando coincidindo co seu 25 aniversario, o Concello de Tui lle concedeu a esta masa coral a medalla de ouro do Concello polos méritos acadados no ámbito da cultura.

En todo este tempo a Coral ten acadado grandes éxitos, e sempre o fixo baixo a mesma batuta a do seu director D. Agustín Sobral.

Banda de Música Popular de Tui

A data máis precisa da súa fundación, da que se ten constancia, é o 5 de febreiro do ano 1881. Iniciaba daquela a súa actividade con 31 músicos baixo a batuta de Severino Castillo en primeiro lugar e con Crisanto Castillo coma director. Dende a súa formación realizou unha actividade ininterrompida ata 1935, desaparecendo daquela por mor da Guerra Civil, reaparecía logo en 1942 e se disolvía ó pouco por falla de medios económicos ata 1967.

No comezo da década dos 80 cando a Banda de música popular de Tui recuperaba a súa actividade de xeito permanente, e dando a súa vez orixe a Escola de música, e apoiando o Conservatorio da cidade no que hoxe se forman preto de 300 alumnos.

O longo de toda a súa existencia a Banda de música popular de Tui contou con importantes e prestixiosos directores coma é caso de Veiga, Temes, Groba e Soutullo, e nela se formaron importantes músicos que hoxe percorren o mundo tocando en numerosas orquestras e bandas.

As súas actuacións foron diversas por toda Galicia e Portugal, pero tamén noutros lugares coma Avilés, Xeraco, Almoines, Belrreguart, Valencia, Madrid… as que hai que engadir a súa participación en distintos certames de bandas de música.

O pasado mes de outubro celebraron de xeito oficial os 125 anos de Banda de Música en Tui.

Na actualidade a Banda de Música Popular de Tui está dirixida por D. Adolfo Besada.

CONCERTO DE FIN DE ANO
Coral da S.I. Catedral e Banda de Música Popular de Tui
Data e hora: Venres 29 de decembro ás 21.30 h
Lugar: Teatro Municipal de Tui na Área Panorámica
Entrada: 2€, 1 € con desconto, e 1€ os menores de 14 anos
Retirada de localidades: Venres dende ás 16.30h
Organiza: Concellería de Cultura, Comercio, Turismo e Medios de
Comunicación do Concello de Tui