Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui vén de entregar as bolsas a deportistas tudenses de alto nivel cun importe total de 6.400 €

21/11/2019

En breve abrirase o prazo de solicitude das bolsas correspondentes ao ano 2019

O Concello de Tui vén de facer efectivas as bolsas a sete deportistas tudenses correspondentes ao ano 2018 que suman en conxunto 6.400 €. Esta axuda económica concédese tras a consecución de resultados a nivel internacional tanto coa selección nacional coma cos seus clubs.

Tras a convocatoria realizada as bolsas foron outorgadas a Manuel Garrido polo segundo posto no Campionato do Mundo Absoluto de Maratón de Piragüismo, a Gustavo Rodríguez, polo terceiro lugar no Campionato do Mundo Absoluto de Triatlón, a Rubén Dasilva polo oitavo posto na Copa do Mundo Absoluto de Maratón de Piragüismo, a Sebastián Delgado, pola súa participación no Campionato do Mundo Absoluto Sprint de Piragüismo, a Lara Feijóo polo sétimo lugar acadado no Campionato do Mundo Junior de Maratón de Piragüismo, a Enrique Míguez polo segundo posto no Campionato do Mundo Máster de Maratón de Piragüismo e a Avelino Martínez, polo primeiro lugar no Campionato de Europa Máster de Judo.

Por outra parte o Concello de Tui vai abrir en breve o prazo de solicitude das Bolsas a Deportistas Tudenses correspondentes ao ano 2019, que contarán cun orzamento de 10 mil euros. O obxectivo destas bolsas é facilitar aos deportistas tudenses a práctica deportiva e a súa participación nas competicións de máis alto nivel, valorando así a súa especial dedicación ao deporte, e á súa vez á difusión que realizan da cidade de Tui nos eventos deportivos de carácter internacional nos que participan.

Os requisitos a cumprir para optar a estas bolsas son ser deportista federado, estar empadroado no Concello de Tui e ter participado en competicións de carácter oficial e internacional. Nas bases desta convocatoria establécese un cadro de baremación en base ao que se distribuirá o importe da bolsa concedida.

O prazo de presentación das solicitudes será de 15 días hábiles dende a publicación da convocatoria no BOPPO, o Boletín Oficial de Pontevedra. Os interesados deberán presentar a solicitude e a documentación requirida por rexistro de entrada na secretaría do Concello de Tui o na sede electrónica. A información das bases e os formularios de solicitude pódense recoller na mesma secretaría do concello ou descargarlas na paxina web municipal www.tui.gal.

Convocatoria 2019: Bases - Modelo de Solicitude