Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui reinviste unha baixa do Plan Concello nun tanque e chafariz de combustible co software de control

2/03/2021

Isto redundará nun aforro económico, na posibilidade de repostar dous vehículos ao tempo e no control do gasto por vehículo

O Concello de Tui investiu 15.212 €, procedentes dunha baixa da licitación da Substitución da Cuberta da nave de Guillarei ao abeiro da liña 1 do Plan de Concellos 2018-2019, na adquisición dun tanque e chafariz de combustible.

En concreto trátase dun tanque e chafariz de combustible (gasóleo) de dobre mangueira, con capacidade de 10.000 litros, que se colocou na nave municipal de Guillarei. Tamén se adquiriu o software e material necesario para o control eficiente do consumo do gasóleo.

Con este novo sistema de almacenaxe increméntase a capacidade do depósito, pasando dos 5.000 litros de capacidade aos 10.000 litros. Isto posibilita unha mellora notable na negociación de prezos do combustible, xa que no mercado prodúcense baixadas substanciais de prezos á hora de aumentar o volume no pedido de carburantes. Este novo chafariz ten a maiores dúas mangueiras, o que permite a repostaxe de dous vehículos á vez, reducindo o tempo de espera.

Outra das melloras, é o programa de software sinxelo e eficiente para control de consumos, que ten en conta o gasto pormenorizado por vehículo, por percorrido e condutor, isto permite crear estratexias de desprazamentos maximizando a eficiencia da frota dos vehículos municipais.

Un 95% dos vehículos municipais funcionan con carburante gasóleo, incluídos os vehículos que prestan o servizo de recollida de lixo. Todos eles deberán encher neste chafariz situado na nave de Guillarei.

Estas melloras conseguidas co novo chafariz, veranse reflectidas nunha baixada do gasto corrente no consumo de gasóleo para vehículos, que poderán ser analizadas ao final deste exercicio 2021.