Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui recibirá hoxe oficialmente a Gustavo Rodríguez, tras gañar a medalla de prata nos Xogos Paralímpicos de Toquio coma guía de Héctor Catalá

1/09/2021

Ás 20 h será recibido pola corporación municipal no salón de sesións da casa do concello e ás 20.15 h a cidadanía en xeral poderá felicitalo na praza do Concello

O Concello de Tui brindará hoxe mércores, 1 de setembro, unha recepción oficial ao deportista tudense Gustavo Rodríguez que o pasado sábado logrou a medalla de prata en Tríatlon coma guía de Héctor Catalá nos Xogos Paralímpicos de Toquio.

O acto está previsto para hoxe mércores ás 20 h coa recepción por parte da corporación municipal no salón de sesións da casa do concello. A continuación ás 20.15 h a cidadanía en xeral poderá transmitirlle os seus parabéns na praza do Concello.

Gustavo Rodríguez é o oitavo deportista tudense en participar nuns Xogos Olímpicos, e o segundo en lograr unha medalla olímpica.

Lembramos que até o de agora só Enrique Miguez contaba cunha medalla olímpica, a de bronce, lograda xunto a Narciso Suárez, en Los Ángeles 84, participando tamén nos Xogos Olímpicos de Seul 88 e Barcelona 92.

Son tamén olímpicos os deportistas Pedro Areal en Barcelona 92 e Sidney 2000; Jacobo Moroño e Jose Ignacio Bugarín en Barcelona 92; Suso González en Atenas 2004; Frank Casañas en Londres 2012 e Óscar Carrera en Río 2016. 

O nome de Gustavo Rodríguez pasará a figurar na placa situada na rúa Olímpicos Tudenses que no día de onte foi retirada para poder gravar o seu nome.

O acto desta tarde celebrarase cumprindo as medidas establecidas polas autoridades sanitarias, lembrando aos asistentes a importancia de manter a distancia de seguridade e o uso da máscara.