Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui presentou esta mañá o libro “Teatro de Tui”

4/04/2019

Recolle a historia do Teatro Principal dende a súa construción ata 1973 cando acolleu as últimas funcións

Na mañá de hoxe presentouse na casa do concello de Tui o libro “O Teatro de Tui”  sobre o Teatro Principal de Tui, que foi editado polo Concello cunha tirada de 500 exemplares, e escrito por membros da extinta Fundación Teatro Principal. No acto estiveron presentes o  alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, o concelleiro de Cultura e Patrimonio, Eduardo Freiría, e o historiador, Suso Vila.

O obxectivo do libro, que comezou a redactarse hai preto de 20 anos, era que a Fundación tivese un mecanismo de divulgación sobre a historia do teatro, as súas actividades e a importancia que tivo na vida de Tui. O libro reflicte a través de imaxes e textos a carga histórica que tivo na vila, cun escenario que acolleu todo tipo de actividades, como cine, conferencias e espectáculos circenses ademáis por suposto, de obras teatrais.

O libro recolle a vida do teatro dende a súa construción, cando foi referencia para a burguesía do século XIX de Tui,  até as últimas funcións datadas no ano 1973.

As imaxes,  a maioría do fotógrafo tudense Juan Vila, tratan de rememorar as vivencias do teatro, pero tamén pretende “ser unha ferramenta para mirar o futuro” dicía o autor, Suso Vila, con referencia a futura rehabilitación do teatro.

O alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, agradeceu á Fundación Teatro Principal o seu labor por recoller a historia do teatro e por “manter na axenda a necesidade de recuperalo”.