Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui implanta novas medidas para garantir a atención en todos departamentos

26/10/2020

O Concello de Tui vén de adoptar novas medidas para garantir a atención á cidadanía e a continuidade da tramitación administrativa en todos os departamento no caso de detectarse positivos por COVID19 no persoal municipal.  A actual situación de Tui en alerta vermella, sumado ao incremento no número de pacientes con infección activa tanto na Área Sanitaria de Vigo coma Galicia, e a  nivel estatal, xunto aos 3 casos confirmados nas últimas xornadas entre persoal municipal levan a toma destas medidas. As mesmas foron consensuadas este mediodía na reunión celebrada entre o goberno municipal e os representantes dos traballadores.  

Deste xeito unha das primeira medidas é a activación de quendas rotatorias de traballo presencial para garantir que no caso de rexistrarse un caso positivo por coronavirus teña que pechar un departamento ao completo, coma ten acontecido dende o pasado venres cos Servizos Sociais.  Con esta reorganización garántese que o 50% do persoal de cada servizo poderá estar en activo de rexistrarse un positivo, ao crearse cando menos dúas quendas de traballo sen contacto presencial entre elas.   

Por outra parte volve activarse a cita previa para todos os trámites en todos os departamentos, incluído o rexistro de entrada, que se poderá solicitar telefonicamente, por correo electrónico ou a través da sede electrónica. 

Outra das medidas adoptadas é a suspensión do servizo de recollida de voluminosos por seguridade, tanto para a veciñanza coma para os propios traballadores, xa que en moitas ocasións a recollida de enxoval e outro material implica a entrada nos domicilios.

Por último o Concello de Tui realizará a partir de mañá o test de antíxenos á totalidade da plantilla municipal.

Con estas novas medidas búscase garantir a continuidade no servizo, e que a atención se preste coas máximas condicións de seguridade de acordo coa actual situación sanitaria.

Por último dende o Concello reiterase a solicitude de responsabilidade á cidadanía, extremando as precaucións ante a actual situación que estamos a vivir derivada da pandemia do coronavirus.