Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui imparte obradoiros sobre o manexo dos desfibriladores aos clubs deportivos

13/01/2020

Seis instalacións municipais contan con estes dispositivos

O Concello de Tui organiza obradoiros de manexo dos desfibriladores dirixidos aos clubs deportivos. Son impartidos polo médico tudense Rosendo Bugarín, que ensina aos participantes a empregar os desfibriladores e o soporte vital básico.

O pasado sábado, 11 de xaneiro, tivo lugar o primeiro dos cursos, no que participaron seis monitores/adestradores do Tyde F.C. Esta actividade continuará nas próximas semanas.

O Concello de Tui dispón de seis desfibriladores nas súas instalacións deportivas. En concreto contan con este equipamento os campos de fútbol municipais de Álvarez Durán, O Foxo de Caldelas e  Santa Columba de Ribadelouro, e os pavillóns deportivos municipais novo e da Macoca, e o Centro Interfederado. A realización destas xornadas formativas é precisa para que as persoas usuarias destas instalacións poidan coñecer o funcionamento correcto destes dispositivos.

Dende o Concello preténdese formar a todos os monitores, adestradores e membros das xuntas directivas dos clubs deportivos tudenses, polo que se irán formando grupos para asistir ás seguintes xornadas de formación.

Amais de nesta área, dende o Concello fíxase coma obxectivo realizar outros cursos relacionados cos aspectos legais do deporte, ao longo deste ano 2020.

O Concello de Tui agradece a disposición do médico Rosendo Bugarín, na impartición destes obradoiros e a súa implicación co deporte tudense, xa que colabora en numerosas probas deportivas, realizando a supervisión médica.