Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui humanizará a travesía de San Domingos destacando o seu patrimonio histórico coma a vía romana

24/03/2021

Contemplará a mellora do pavimento e dos servizos e a creación de espazos informativos e de lecer para peóns

O Concello de Tui vai levar a cabo a humanización da travesía de San Domingos dende a rúa Antero Rubín, pasando pola travesía de San Francisco e rematando a rúa Bispo Lago. O obxectivo é a posta en valor deste vía coma arteria singular de conexión entre o centro urbano e a igrexa de San Domingos. 

O anteproxecto redactado conta cos informes de viabilidade de sectoriais favorables, incluído o de Cultura que está condicionado á realización de catas para a elaboración do proxecto final e inicio das obras.  Precisamente o pleno ordinario deste xoves, 25 de marzo, irá a dotación do crédito preciso para realizar as catas arqueolóxicas, necesarias para poder avanzar co proxecto. 

A actuación prevista contempla o acondicionamento e mellora do actual pavimento da travesía, así coma o soterramento dos subministros e renovación da rede de saneamento. Ao tempo mellorarase a recollida superficial de augas pluviais, protexendo os accesos existentes ás vivendas e parcelas. 

Tamén se persegue a recuperación patrimonial desta vía coa restauración dos restos da vía romana dos que se ten constancia e dos que poidan aparecer nas catas arqueolóxicas. 

Por outra parte a humanización deste percorrido plantexa a mellora da iluminación existente. Instalaranse elementos singulares coa sinalización de puntos de interese coma un panel informativo con iluminación sobre a vía romana e o  Camiño de Santiago. Nun fito con luminaria recollerase un esquema da evolución urbanística da cidade. Xerarase unha zona de estar con chapa de aceiro corten emulando a sillería tradicional do muro ao que se encostará, con bancos e sistema guía para enredadeiras. Crearase tamén unha barreira verde visual , con plantas trepadoras sobre chapas perforadas, para vestir elementos en mal estado e crear unha nova zona de estar para peóns. Tamén se prevé a creación dun xardíns vertical e horizontal que ocultará a baixante pegada ao muro de pedra.