Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O concello de Tui establece axudas para libros escolares e estudos no Conservatorio

14/11/2006

O concello de Tui establece axudas para libros escolares e estudos no Conservatorio
O concello de Tui abriu o pasado sábado o período para a presentación de solicitudes para acceder ás becas para libros escolares e para estudos no Conservatorio de Tui. O prazo establecido é de 20 días.
As axudas para a adquisición de libros de texto van dirixidas a alumnos de primaria e ensino secundario obrigatorio, matriculados en centros públicos ou con concerto empadroados en Tui, e pertencentes a unidades familiares con ingresos brutos iguais ou inferiores aos 13.414, 80 €. Non poden acceder a estas axudas os alumnos dos cursos nos que se implantou a gratuidade dos libros de texto. Así o explicaba o Concelleiro de Educación, José Manuel González Freiría.
O obxectivo do Concello, co establecemento destas axudas, é chegar ás familias que realmente precisen da axuda, que os alumnos de familias con baixo nivel de ingresos teñan acceso ao material escolar, e realizar un seguimento das familias de alto risco. Nas bases establecemento o baremo que se aplicará para as concesión das axudas, os requisitos completos, e a documentación que se debe presentar. A este fin dedícanse un total de 5 mil euros.
José Manuel González Freiría animaba á poboación a consultar as bases no Concello.
No que se refire ás axudas municipais de becas do conservatorio destínanse a familias con ingresos iguais ou menores de 23.479,90 euros. Os solicitantes deben estar matriculados no Conservatorio de Grao Medio de Tui, e empadroados na cidade. Nas bases recóllese a documentación a presentar e o baremo que se aplicará para a concesión das axudas.
(Tomado de www.galiciasuroeste.info)