Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui está a executar a renovación total do parque infantil da Gándara en Guillarei

21/04/2021

Incluirá un bambán para nenos e nenas con mobilidade reducida, e unha mesa de ping-pong

Dende comezos de mes estanse a executar as obras de renovación total do parque infantil da Gándara en Guillarei. Suporán un investimento de 127.676,38 € financiados con cargo ao Plan Concellos 2019 da Deputación de Pontevedra.

A actuación contempla a renovación de toda a solera e un novo peche perimetral do parque. Crearanse dous espazos diferenciados, ambos con céspede artificial.

Un de 650 m2 destinarase aos xogos infantís e outro de 190 m2 á colocación de biosaudables e mesas de xogo. Preservarase a actual zona de merendeiro onde será reposto algún banco de pedra, limparanse os existentes e colocarase un sistema de rego que facilite o mantemento da zona verde.

O parque equiparase na zona de xogos infantís cunha tirolina de 24 metros de longo para nenos e nenas de 3 a 14 anos, cun bambán dobre e un bambán adaptado para persoas con mobilidade reducida, o primeiro destas características que se vai instalar en Tui. Tamén contará con dous xogo combinados, un para nenos e nas de 3 a 14 anos que consta de dúas torres principais, tobogán, rocódromos, rede de escalada e panel lúdico; e outros para cativos e cativas de 5 meses a 6 anos con dúas torres tobogán, un panel lúdico e un túnel. Instalarase amais unha casiña tipo cabana, dous balancíns simples e un dobre.

A zona biosaudables equiparase dun elemento de exercicio de cintura para 3 usuarios, un esquí de fondo, un elevador para 2 usuarios, e unha bicicleta estática. Mentres na zona de xogos coma novidade, xa que será a primeira que se instale en Tui, colocarase unha mesa de ping-pong e tamén un tableiro de xadrez, xunto a un conxunto de mesa con bancos.

A actuación completarase coa colocación de mobiliario urbano coma un aparcabicis con capacidade para 5 usuarios, e unha papeleira para a recollida selectiva cunha capacidade de 50 litros e de residuos orgánicos.

Con esta intervención no parque infantil da Gándara en Guillarei, o concello de Tui, a través da concelleraía de Parques e Xardíns, continúa coa liña iniciada  nos últimos meses de crear espazos de lecer para toda a familia e inclusivos, nos que os máis pequenos poidan desenvolver a súa imaxinación.

Tamén se continúa a apostar pola economía circular dando un novo uso aos elementos retirados, que tras ser reparados serán colocados en instalacións educativas ou noutros parques do municipio.

Dende o Concello de Tui explican que o persoal técnico está a traballar para desenvolver novos proxecto de renovación dos parque infantís, xa que son instalacións moi antigas que en moitos casos non están adaptados a normativa en vigor ou non están en bo estado. O obxectivo é actualizar estas instalacións e adaptar estes espazos aos usos que demanda a veciñanza creando parques renovados e innovadores.