Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui entregou a SOS Tomiño Baixo Miño 1.600 alimentos froito das doazón realizadas a cambio do calendario da Eurocidade

4/02/2020

O Concello de Tui fixo entrega nos últimos días a SOS Tomiño Baixo Miño de 1.605 unidades de alimentos recollidas a través do calendario solidario da Eurocidade Tui-Valença.  Dende o pasado mes de decembro na casa do concello téñense recollido as doazón dos veciños e veciñas a cambio dun calendario de 2020 da Eurocidade ilustrado coas portas de Tui e Valença pintadas pola artista tudense Rosa María Vila. 

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o concelleiro de Servizos Sociais, Ismael Diz, achegáronse até o almacén de SOS Tomiño Baixo Miño, para facer entrega destes alimentos, e ao tempo coñecer estas instalacións. Tanto o alcalde coma o concelleiro agradeceron aos membros de SOS Tomiño Baixo Miño o labor asistencial que realizan. Como dato o pasado mes de xaneiro axudaron a 129 familias, das que 74 eran de Tui.

Dende o Concello de Tui quérese agradecer tamén a colaboración da veciñanza coas súas aportacións a través do calendario solidario, unha iniciativa na que colaboraron as concellerías de Cultura e Servizos Sociais.

Na casa do concello hai aínda existencias do calendario da Eurocidade polo que as persoas interesadas poden obter un exemplar a cambio dun quilo de alimentos no departamento da alcaldía.