Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concello de Tui acomete obras nos centros escolares do municipio

9/09/2021

O  Concello de Tui vén de realizar obras de mellora en todos os centros educativos intentando dar resposta as necesidades dos oito centros, incluídas as 5 unidades do C.R.A distribuídas nas parroquias. A concellería de Ensino, cunha partida inicial de 50.000€, levou adiante melloras de mantemento e conservación en todos os centros do noso municipio.

A inversión de maior importancia realizouse na aula do C.R.A. en Baldráns ca reforma integral da aula. Ademais acondicionouse o porche traseiro, pintouse o interior das aulas, reformáronse os baños, acondicionouse o exterior do centro, e dotouse de elementos de xogo aos patios dianteiro e traseiro. 

Do mesmo xeito na aula do C.R.A. de Areas arranxáronse xanelas, baños e procedeuse ao pintado exterior da aula, acondicionouse o patio e dotouse de elementos de xogo. Mentres, nas aulas Guillarei Souto, Pexegueiro, Ribadelouro, acondicionáronse os seus patios, obras que se realizaron no mes de maio, dotouse de xogos infantís aos mesmos, e realizouse o pintado e acondicionamento do patio cuberto, ademais de pequenos arranxos nos baños dos tres colexios. 

En Guillarei, Rebordáns e Caldelas realizamos arranxos varios no interior e exterior dos centros como limpeza de canalóns, dotación de novos areeiros nalgún deles, colocación de vídeo porteiros, dotación de elementos de xogo infantís e, no caso do Ceip de Pazos de Reis, acondicionamento do patio infantil, colocación de elementos de xogo e amáis dotouse dunha rampa de aceso ao novo parque infantil, ademais de varios arranxos nas aulas. No Ceip de Rebordáns pintouse o muro exterior da entrada principal, limpouse o muro traseiro e acondicionáronse os parterres da fachada, ademais da colocación do enreixado no perímetro do centro.

No Ceip nº2 procedeuse a eliminar barreiras arquitectónicas e a mellorar o acceso ao centro, limpáronse fachadas, pintáronse distintas zonas do centro e tamén realizáronse pequenos arranxos no interior e exterior do colexio.

Na outra escola do centro de Tui, o Ceip nº1, acondicionouse un muro traseiro, instalouse enreixado no perímetro do centro e realizáronse pequenos arranxos en distintas aulas. Xa no Ceip de Randufe creouse un espazo para estacionamento e transporte escolar para aumentar a seguridade dos alumnos, pintándose tamén sinalización viaria. Tamén realizáronse diversos arranxos no interior do centro e diversas aulas.

Ademais do investimento realizado nestes traballos, o Concello de Tui, ao igual que o curso pasado, asumirá as labores de desinfección nos diferentes centros educativos en horario lectivo, o que supón un gasto a maiores no orzamento adicado aos colexios.

Dende o Concello de Tui e a concellería de Ensino tan só desexarlle a toda a comunidade educativa que visto o resultado tan positivo do curso pasado ca situación epidemiolóxica vivida, tan só cabe esperar que este curso sexa moito mellor nese senso, así o esperamos todos, e tan só desexarvos un ano cheo de grandes logros no eido educativo, como así os tivemos o curso pasado, e dar as grazas as direccións dos centros educativos e as ANPAS pola labor que desempeñan cos nosos fillos.