Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Concelleiro de Cultura mantivo unha entrevista co Director Xeral de Turismo

25/03/2008

O CONCELLEIRO DE CULTURA TUDENSE MANTIVO UNHA XUNTANZA CO DIRECTOR XERAL DE TURISMO 

O pasado martes, 18 de marzo, o Director Xeral de Turismo da Xunta de Galicia, Ruben Camilo Lois Calviño, recibiu no seu despacho en Santiago de Compostela ao Concelleiro de Cultura do Concello de Tui, Moisés Rodríguez Pérez, quen lle presentou diversas propostas de colaboración en materia de turismo cultural ao responsable da Xunta nesta materia.

En concreto, a intención do Concello de Tui é promover conxuntamente coa Dirección Xeral de Turismo un proxecto de posta en valor dos recursos turísticos e culturais do conxunto histórico tudense. Este proxecto tería como principal elemento a instalación do centro de interpretación deste conxunto histórico a ubicar no edificio do “Carcere vello” e abranguería tamén unha sinalización integral dos monumentos de Tui con especial referencia á catedral así como outras accións complementarias.

Outros temas prantexados polo concelleiro tudense foron a preparación do vindeiro Ano Santo Xacobeo, a celebrar no 2010, potenciando o papel de Tui como punto de referencia no camiño portugués a Compostela con medidas de sinalización e mellora do itinerario, restauración de elementos patrimoniais vencellados ao camiño, creación de itinerario complementarios á ruta xacobea, etc.Foron abordados no decurso da entrevista asuntos como a inclusión de Tui na liña de publicacións que realiza a Dirección Xeral denominada “Itinerarios histórico-musicais”, a mellora da Oficina de Turismo da Xunta en Tui, etc. Por outra banda, o Director Xeral amosou o seu interese en colaborar na realización de cursos de verán na nosa cidade, pois nesa liña veñen traballando con outras institucións e considera que contribuien notablemente á promoción e difusión da nosa localidade.

Ruben C. Lois Calviño expresoulle ao Concelleiro tudense a vontade decidida da Dirección Xeral de Turismo de promover, en colaboración co Concello de Tui, as accións precisas para a potenciación dos recursos turísticos e culturais da cidade de Tui, considerada como un dos principais conxuntos patrimoniais de Galicia e consecuentemente necesitada de accións que a promovan e difundan. O Director Xeral garantizou a colaboración nesta materia e comprometeuse a analizar polo miudo o “dossier” entregado polo concelleiro tudense para en breve prazo enviar una proposta de colaboración ao Concello de Tui.

Moisés Rodríguez Pérez convidou ao Director Xeral a visitar oficialmente a cidade para comprobar “in situ” as necesidades que en materia de promoción e difusión posue o conxunto histórico tudense. Moises Rodríguez valora moi positivamente esta entrevista pois atopou no Director Xeral de Turismo, Ruben C. Lois Calviño, un profundo coñecemento da realidade tudense e unha decidida vontade de colaborar na posta en valor dos recursos turísticos, tanto de caracter cultural como natural, que posue a nosa cidade.