Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Centro Dramático Galego estrea en Tui a súa última montaxe "Estigma" o venres no Teatro Municipal

21/05/2008

O Centro Dramático Galego estrea en Tui a súa última montaxe “Estigma”

É unha obra de suspense que o público poderá disfrutar o venres ás 21h no Teatro Municipal

Mércores, 21 de maio de 2008. O Centro Dramático Galego inicia en Tui a xira do seu último espectáculo desta temporada “Estigma”. Será con dobre función, a primeira mañá xoves para os escolares, e a segunda o venres ás 21h para o público en xeral. A obra foi presentada esta mañá en rolda de prensa por Cristina Domínguez, Directora do CDG, Xabier Deive e Clara Gayo, dous dos actores da peza, Isabel Bilbao da Fundación Caixa Galicia, e Moisés Rodríguez, Concelleiro de Cultura.

Cristina Domínguez explicou coma “Estigma” é froito dun compromiso do CDG coa escrita galega cunha autoría residente, na que se están a realizar obradoiros de escrita dirixidos por Cándido Pazó. É unha aposta polas novas xeracións, dicía, dándolles oportunidades. Este espectáculo é froito do compromiso de escrita de Drama A3 integrado por Jacobo Paz, Vanesa Soutelo e Javier Ruibal, este último Premio Nacional de Literatura dramática en 2007. Igualmente apostouse por un elenco de actores novos que traballaron arredor do suspense.

“Estigma” é o último espectáculo desta temporada, a primeira na que se puxeron en marcha os Espazos CDG, que segundo Cristina Domínguez resultou unha experiencia moi positiva e lograron afianzar espazos de exhibición dos espectáculos nas mellores condicións.

En “Estigma” a acción transcorre nunha illa onde os personaxes están solos, e onde a soidade, as relacións, a violencia... se mesturan dando coma resultado unha obra divertida, doada de levar e con suspense o que resulta atractivo sobre todo para o público máis novo. Igualmente destacou a importancia do espazo sonoro e das proxeccións audiovisuais.

Xabier Deive, actor de “Estigma”, salientou da obra que “ten unha linguaxe agresiva, moita forza en escena en a que pasan cousas constantemente”. Explicaba ao tempo que funciona moi ben con público novo, engadindo que “o importante da peza son os climas que se xeran dentro, as esperas, as relacións entre os personaxes” polo que dicía “cada espectador pode sacar as súas conclusións”.

Clara Gayo, que forma tamén parte do reparto desta montaxe, explicou que este espectáculo brindou “a oportunidade de atoparse autores, directores e actores novos, con novas formas de traballar”. Ao tempo salientaba que na obra “é o tratamento das personaxes femininas onde se pode ver un exemplo de coma comezan a variar os roles da presenza feminina”.

Isabel Bilbao, da Fundación Caixa Galicia que apoia a xira de “Estigma” con 300 mil euros, salientou na súa intervención que para esta entidade “é unha gran satisfacción participar neste proxecto e vincularse co IGAEM e o CDG co que cumpren os obxectivos fomentar e apoiar as artes escénicas”. Ao tempo que agardaba que “esta colaboración fluída e constante permaneza no futuro”.

O Concelleiro de Cultura de Tui, Moisés Rodríguez, destacaba que “este espectáculo para nós é un premio, co que culmina un semestre moi intenso de programación cultural”. Engadindo que o Teatro Municipal sen os actores, os directores, o público, e os traballadores “non podería funcionar as mil marabillas”.

“Estigma” está dirixida por Dani Salgado, e forman o elenco Anabel Gago, Clara Gayo, Xosé Manuel Esperante, Xabier Deive e Vicente de Souza. A representación para público en xeral terá lugar este venres, 23 de maio, ás 21h, no Teatro Municipal de Tui. As entradas poranse á venda ás 16.30h ao prezo de 5€, 4€ con desconto, e 3€ para os menores de 12 anos.

CDG con “Estigma”

Data: Venres 23 de maio ás 21h

Lugar: Teatro Municipal de Tui

Prezos: 5€ - 4€ con desconto – 3€ os menores de 12 anos

Duración: 90 minutos