Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Arquivo Municipal de Tui organiza unha visita guiada para celebrar a Semana Internacional dos Arquivos

8/06/2021

Será este venres, 11 de xuño, ás 12 h con inscrición previa en arquivo@tui.gal

O Consello Internacional de Arquivos (ICA) promove anualmente a celebración do Día Internacional dos Arquivos o 9 de xuño, con ocasión da devandita celebración, do luns 7 ao venres 11 de xuño, ten lugar a terceira Semana Internacional dos Arquivos, cuxo lema central achegado polo Consello Internacional de Arquivos (ICA) é: Empoderar os Arquivos, convidando aos centros arquivísticos a realizar actividades ao longo desa semana coa finalidade de dar a coñecer pola cidadanía a documentación que conservan estes centros e como se traballa nos mesmos.

 

O Arquivo Municipal de Tui súmase a esta celebración organizando unha visita guiada as súas instalacións e a unha escolla dos seus fondos que terá lugar o vindeiro venres 11 de xuño ás 12.00 horas nas propias instalacións deste Arquivo Municipal na casa do concello de Tui. Todas as persoas interesadas en participar deben realizar unha inscrición previa a través do correo electrónico: arquivo@tui.gal, sendo admitidas por rigoroso orde de inscrición e as inscricións son de carácter individual.

 

Neste ano 2021 o lema escollido polo Consello Internacional de Arquivos (ICA) é EMPODERAR OS ARQUIVOS, co obxectivo de recoñecelos como os espazos do coñecemento que custodian o patrimonio documental.

Ao longo desta semana, as distintas administracións, os titulares dos arquivos, os profesionais que traballan neles e as organizacións arquivísticas e de xestión documental unen as súas voces para conseguir que os arquivos, os documentos que conservan, o traballo que neles se realiza e os servizos que prestan sexan visualizados e coñecidos polo maior número de persoas.

  • Arquivos que mediante a xestión documental facilitan a transparencia, dan cumprimento do dereito da cidadanía ao acceso aos documentos e á información que conteñen.
  • Arquivos traballando en rede e prestando os seus servizos de maneira presencial e telemática.
  • Arquivos con profesionais que están en permanente e constante formación, adaptados ás novas tecnoloxías da información e da comunicación, colaborando e compartindo coñecementos e experiencias.

Datos sobre o Arquivo Municipal de Tui

O Arquivo Municipal recolle documentos dende 1.597 ata a actualidade. Está composto por máis de 6.300 unidades de instalación cos instrumentos suficientes para o seu manexo e control, especialmente a base de datos do inventario descritivo formado por mais de 36.000 rexistros que detallan a nivel de expediente a maior parte dos fondos.

Dende o 1 de outubro de 2012 no Arquivo Municipal atópase tamén a documentación histórica do Concello de Tui depositada no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra dende o ano 1943. Esta documentación consta de 145 libros, de entre os anos 1597 e 1834, en soporte papel e encadernados en pergameo. Deles, 115 corresponden aos libros de acordos municipais e cartas ordes de 1597 – 1775; 5 libros con documentación varia de 1705-1771; 16 libros de copias das actas da Xunta do Reino de Galicia entre os anos 1608 e 1834 e 3 libros Reais do Catastro do Marqués da Ensenada da cidade de Tui e freguesía de San Xurxo de Saiáns.

Como curiosidade se conserva un pergamiño, escrito en portugués, datado en 1688, que facía de tapa doutro documento sen data, referido a un “Prorrateo de aguas de la Virgen del Camino en la parroquia de Revordanes hecho por Don Juan Gil de la Barrera vecino de la ciudad de Tui”. Este pergamiño, que inicialmente non ten relación co documento que resgardaba, é unha “carta de quitaçao” dada polo rei de Portugal Pedro ós herdeiros de Ignacio Monteiro de Souza, almoxarife falecido que prestaba os seus servizos na “Caça do Passo da Madeira”.

Pese a que a maior parte da documentación corresponde ao século vinte e vinte un aínda se aprecia un elevado volume documental do dezanove, destacando os libros de actas municipais dende 1782, con documentos de quintas dende 1874, de patrimonio dende 1849, de persoal ou contratación dende 1874, dos presupostos municipais dende 1845, dos padróns de habitantes dende 1884 ou das eleccións dende 1891.

No Arquivo Municipal tudense se conserva tamén o fondo do cárcere do partido xudicial, recuperado no seu momento polo funcionario e investifador Aquilino G. Santiso. Este fondo contén información continuada, especialmente sobre os reclusos, dende 1897 ata 1960 figurando en diversas series documentais, tanto de expedientes (follas histórico-penais de penados, expedientes persoais de reclusos, expedientes procesais de reclusos, pases de penados, mandamentos de prisión y de liberdade e notificacións acordos de prisión e liberdade), coma de rexistros ( libro de entrada e saída de presos, libro rexistro de presos con condena de arresto maior, libro rexistro de presos preventivos). As súas condicións de conservación son precarias, pero é un dos fondos máis demandados por investigadores de temas relacionados coa memoria histórica.

Nunha época de profundas transformacións, unha das necesidades críticas que a pandemia puxo de manifesto é a urxencia de dixitalizar a sociedade. A documentación histórica do Arquivo Municipal tudense así como as actas de sesión do Pleno e das Xuntas de Goberno (que tiveron diversos nomes ao longo do tempo) foron dixitalizadas gracias ao programa Arpad e están accesibles para todos os interesado na biblioteca dixital de Galicia, Galiciana ,  así como no portal Atopo da Deputación Provincial de Pontevedra e en breve prazo tamén na web do Concello de Tui.

No último ano o Arquivo Municipal tudense ten continuado co seu labor de integración dos fondos documentais dos diversos servizos municipais ao tempo que da resposta, nun prazo cada vez mais reducido, ás máis de cincocentas consultas producidas tanto dende a propia Administración Municipal como por cidadáns que reclaman o acceso á documentación. Calquera cidadán pode solicitar aquela documentación que precisa, presentado on line a correspondente solicitude.

A finais do pasado ano 2020 Concello de Tui ven de ampliar a capacidade de depósito do Arquivo Municipal de Tui coa instalación de novos módulos de armarios tipo compactus para a documentación administrativa do Concello tudense, así como algunha peza de mobiliario de oficina, deshumidificadores e termohigrómetros para garantir as condicións axeitadas de conservacións da documentación. Coa instalación destes novos módulos o Arquivo Municipal tudense incrementa en mais de 80 metros lineais de estantes a capacidade dos seus depósitos. Foi un investimento de case 7.000 euros realizado ao abeiro dunha baixa nunha obra promovida pola Deputación Provincial de Pontevedra que ten facilitado esta importante mellora no Arquivo Municipal que precisa incrementar a capacidade dos seus depósitos para custodiar a documentación municipal.