Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O Alcalde asiste á inauguración das Xornadas sobre “Fronteira, Comunicación e Desenvolvemento” a celebrar ata mañá na Eurocidade

25/05/2012

Onte ás 16,00h foron inauguradas na Biblioteca Municipal de Valença as xornadas “Fronteira, Comunicación e Desenvolvemento” organizadas pola Real Code, a Rede Europa América Latina de Comunicación e Desenvolvemento que se van celebrar na Eurocidade ata o mediodía do sábado.

No acto inaugural Marcelo Martínez, coordinador de Real Code, explicou que querían facer o encontro na Eurocidade porque teñen por obxectivo traballar sobre os fluxos de comunicación que existen nas comunidade de fronteira.  Avanzaba que nas xornadas van participar expertos tanto de Real Code como doutros grupos de investigación. Tamén apuntaba que coa celebración desta actividade en Tui e Valença buscaban tamén coñecer de primeira man o que se atoparán á hora de desenvolver proxectos na zona.

O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, pola súa parte afirmaba que a Eurocidade Tui-Valença ten moito futuro sobre todo na actual situación económica,  na que, engadía, xurde a oportunidade de compartir servizos coma a piscina de Valença ou o teatro e o centro de saúde de Tui, así coma de compartir vivencias a unha e outra beira do Miño. Salientaba o mandatario que o feito de que universidade se involucre neste proxecto é fundamental porque aportan un selo de calidade.  Explicaba Moisés Rodríguez que esta Eurocidade está dando os primeiros pasos e precisa que outras administracións se involucren tamén e lles axuden a buscar fondos europeos de cooperacións transfronteiriza.  Como raianos, dicía, “temos claro o concepto de fronteira que marca o noso xeito de ser e o noso espírito de cooperación e colaboración”.

Por último o presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro, explicaba o pasos dados pola Eurocidade cunha primeira fase na que se promocionou en todos os ámbitos. Agora sinalaba que se está xa nunha segunda fase na que se establece unha xestión compartida de equipamentos, entrando agora tamén no camiño para compartir tamén o financiamento deses servizos comúns. Para iso explicaba que se está preparando o proxecto a presentar a fondos do POPTEC dunha Plataforma ao través da cal compartir os equipamentos e tamén ofrecer información turística da Eurocidade. Este é, dicía, “o camiño que temos que seguir”.

De seguido na primeira das intervencións, o secretario técnico do Proxecto Eurocidade Chaves/Verín, Pablo Rivera, achegou a experiencia da primeira Eurocidade constituída entre Galicia e o Norte de Portugal, formalizada en 2007.

Para rematar a xornada desenvolveuse unha mesa redonda sobre “Expectativas respecto da Eurocidade no desenvolvemento local” moderada polo profesor da Universidade de Vigo e director do Servizo de Estudos e Publicacións do Eixo Atlántico, Enrique Varela, e que contou coa participación de Manuel A. Pinto Neves, historiador de Valença, José Manuel Veiga, comandante dos Bombeiros Voluntarios de Valença, Rafael Sánchez Bargiela, técnico da Biblioteca Municipal de Tui e Juan España, presidente do Clube Atividades Aquaticas do Baixo Miño e monitor da Piscina Municipal de Valença.

As xornadas “Fronteira, Comunicación e Desenvolvmento” continuan esta mañá na Área Panorámica. Ás 10 hora española houbo unha mesa sobre “Comunicación, desenvolvemento na fronteira Galicia/Norte de Portugal. Proxectos e liñas de investigación”. E as 12.15h celebrouse outra actividade sobre “Fronteira, comunicación e  desenvolvemento en América Latina”. Pola tarde haberá mesas de traballo paralelas dos grupos SUG da Real Code. Por último mañá sábado pola mañá terán lugar a presentación das conclusións e a clausura das xornadas.