Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O 31 de xullo remata o prazo para presentar as solicitudes ao plan Rexurbe

9/07/2019

O IGVS destinará 300 mil € á compra de inmobles no conxunto histórico de Tui para a súa rehabilitación ou renovación.  

O Concello de Tui lembra que até o 31 de xullo está aberto o prazo para que os propietarios de vivendas no conxunto histórico de Tui poidan presentar a súa solicitude á oferta de compra que realiza a Xunta de Galicia a través do Plan Rexurbe. Ao abeiro deste plan o IGVS destinará 300 mil euros á adquisición de inmobles situados no conxunto histórico de Tui para a construción de edificios de vivendas ou para a súa rehabilitación ou renovación.  

O pasado 8 de abril publicouse no DOGA a resolución pola que o IGVS  acorda realizar unha oferta pública de adquisición, mediante compra, de inmobles situados nos núcleos históricos dos concellos de Tui, Ferrol, Betanzos, Ribadavia e Ourense para a construción de edificios de vivendas ou para a súa rehabilitación ou renovación.

Segundo o recollido na resolución os propietarios interesados en vender os seus inmobles dispoñen ata o próximo 31 de xullo para presentar as súas ofertas ao Instituto Galego da Vivenda e Solo. Na resolución publicada no DOGA recóllense as características que deben reunir os inmobles, así coma o proceso de solicitude que deben cumprimentar os propietarios que desexen vender as vivendas situadas nas rúas Bispo Lago, Antero Rubín, Cuenta, Piñeiro, Sanz, Pracer, Bispo Castañón, Porta da Pía, Ordóñez, Seixas, Párroco Rodríguez Vázquez, San Telmo, Tide, Ouro,  nos calexóns das Monxas, Tide, Ouro, camiño Entrefornos,  ou nas prazas de San Fernando, Pracer, do Concello, e da Armada Española.