Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

O 22 de xullo celebrarase o I Campus de Fútbol Americano no Concello de Tui

5/07/2017

Organizado polo club Vigo Guardians nas instalacións deportivas “Álvarez Durán” de Tui

O sábado, 22 de xullo, as instalacións deportivas Álvarez Durán de Tui, acollerán o I Campus de Fútbol Americano e Fútbol Flag, impartido polos responsables do Club Vigo Guardians, en colaboración co Concello de Tui. O obxectivo é brindar unha xornada gratuíta de iniciación e coñecemento deste deporte.

O campus realizarase en horario de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 ata as 19.00 horas. Vai dirixido a xogadores dos dous sexos xa que o club dispón de sección feminina (actuais campioas galegas de Flag Football) e masculina, en idades a partir dos 14 anos, sen límite de idade.

Nesta xornada daranse as nocións básicas deste deporte e realizaranse exercicios dos adestramentos diarios, para, unha vez adquiridos os conceptos, participar nun partido na modalidade Flag (sen contacto). Os participantes poderán probar a sensación de xogar coa equipación propia desta modalidade deportiva, dado que se levarán cascos e corazas do equipo.

Pódese acadar máis información ou facer a inscrición na web www.vigoguardians.com, no facebook vigoguardians ou no número 649 676 566.