Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

No mes de setembro Tui e Valença moveranse en clave xudía

3/09/2021

A celebración das “Xornadas Europeas da Cultura Xudía” nas dúas cidades inclúe visitas guiadas, xogos online, o obradoiro de cociña “Sabores de Sefarad”, xornadas gastronómicas do bacallau,  documentais, música e os filmes de Manfred Kirchheimer en Play Doc

Ao longo do mes de setembro as cidades de Tui e de Valença desenvolverán unha ampla programación con motivo da celebración das “Xornadas Europeas da Cultura Xudía” que un ano mais realiza conxuntamente a Eurocidade para mostrar e valorizar o patrimonio xudeu que conservan ambas cidades e enriquece o seu acervo cultural.

A cidade de Tui forma parte, dende o ano 2019, da Red de Juderías de España – Caminos de Sefarad, integradas por 21 cidades españolas que traballan conxuntamente na promoción do seu patrimonio cultural. A presenza de Tui nesta rede cooperativa posiciona á nosa cidade no ámbito cultural e turístico.

A celebración anual en toda Europa, no mes de setembro, destas Xornadas é unha oportunidade para a difusión deste legado patrimonial, neste ano o lema elixido para estas Xornadas é “Diálogo” e propón difundir e promover narrativas positivas que resalten a contribución do xudeus europeos a unha Europa máis plural e integradora.

Sobre esta temática desenvólvese o programa preparado polas cidades de Tui e Valença, nunha colaboración iniciada no pasado ano e que abre unha nova vía de colaboración entre ambos municipios e promove un achegamento á colaboración iniciada coa Rede de Judarías de Portugal.

No programa cómpre salientar:
-    As “Xornadas Gastronómicas sefardís: bacallau”, que recollen a oferta gastronómica de ata 21 restaurantes tudenses que ofrecen diversos pratos arredor deste peixe vinculado á gastronomía sefardí.

•    Alboio: bacallau en empanada,
•    Ideas peregrinas: tosta con bacallau,
•    Parador de Tui: bacallau con broa
•    Jaqueyvi: á brasa,
•    Tapas e viños: ensalada con bacallau,
•    La de José Luís: á brasa,
•    El Molino: á portuguesa e tamén empanada,
•    Puro sabor: ó forno e empanada
•    Novo Cabalo Furado: á prancha, á galega, ó forno, boliños e tamén empanada,
•    Vello Cabalo Furado: á portuguesa, empanada e boliños,
•    Santiamén: asado con cebola,
•    Pote: ensalada de bacallau e á galega,
•    Happy Restaurant: lascas de bacallau, empanada,
•    Monte Aloia: empanada de bacallau e bacallau á brasa e ao forno,
•    Cruceiro do Monte: á portuguesa.
•    Asador Paulo: bacallau á brasa e bacallau á xuliña
•    Pirsin: empanadillas de bacallau
•    Vionkas Bake: empanadilla de bacallau
•    La de Manu: bacallau 
•    Epoca: bacallau á prancha e ao estilo Epoca 

-    Ao longo de todo o mes estará operativo o xogo unha actividade participativa e gratuíta, “Busca la llave del Diálogo / Busca a chave do diálogo”. Mediante un xogo, os visitantes terán que desprazarse consecutivamente a tres puntos da xudaría e completar unhas actividades que lle dará a posibilidade de recibir a “chave de Sefarad” na Oficina de Turismo e participar en diversos sorteos: https://redjuderias.org/juega

-    Unhas das principais actividades destas Xornadas é a celebración do “Taller gastronómico Sabores de Sefarad” a cargo do chef especializado en gastronomía sefardí, Javier Zafra, que estará en Tui o luns 13 de setembro para desenvolver esta actividade dirixida aos profesionais da hostalaría e restauración tudense.

-    O venres 3 comezará a emisión dun vídeo divulgativo do patrimonio xudeu de Valença e Tui a través das redes sociais e da canle de Youtube dos municipios de Tui e Valença.

-    En Valença proxectarase un filme documental sobre “Aristides de Sousa Mendes – O Cônsul de Bordéus”, un diplomático portugués que salvou a milleiros de xudeus na II Guerra Mundial. Na Loja de Turismo de Valença o 4, 5, 11 e 12 de setembro.

-    Unha actividade clásica destas xornadas son as visitas ao patrimonio xudeu e cripto-xudeu en ambas localidades. En Valença o 4, 5, 11 e 12 de setembro. Namentres que en Tui serán o 11, 12 e 18 de setembro en horario de mañá (12,00 horas) e polas tardes á colección de Sambenitos (19,00 horas).

-    A música tamén estará presente cun concerto titulado “Música de Sefarad” a cargo de Paco Diéz, músico de alongada traxectoria na recuperación de música tradicional e nomeadamente nas tradición xudáicas.

-    Este ano no Festival Internacional de Documentais, Play-Doc, que se celebrará na nosa cidade entre o 22 e 26 de setembro se contará cun ciclo retrospectivo de Manfred Kirchheimer coa proxección da película We Were So Beloved - Éramos tan amados (1986) sobre os sobrevivintes xudeus do Holocausto que viven en Washington Heights, Manhattan en Nueva York, etc.

Para o concelleiro de Patrimonio, Turismo e Camiño de Santiago, Laureano Alonso, este amplo programa de actividades arredor do patrimonio xudeu e cripto-xudeu da nosa cidade é una excelente oportunidade para poñer en valor os recursos patrimoniais de Tui e o seu aproveitamento turístico. Estas xornadas teñen como obxectivo mostrar ao público a diversidade e a riqueza do patrimonio cultural xudeu como parte integrante do patrimonio cultural europeo, que na Eurocidade Tui – Valença atopa unha expresión singular de cooperación e traballo conxunto.