Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A nave municipal de Guillarei estrea novos vestiarios e aseos

25/03/2021

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Medio Rural, Rafael Estévez, e o deputado de Cooperación, Santos Héctor, visitaron esta mañá os vestiarios que supuxeron un investimento de máis de 60.200 euros. 

O persoal que traballa dende a nave municipal de Guillarei, no Concello de Tui, vén de ver mellorado este espazo tras un investimento de máis de 60.200 euros que serviu para realizar un acondicionamento interior e a reforma integral dos vestiarios-aseos. As obras foron visitadas hoxe polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o concelleiro de Medio Rural, Rafael Estévez, acompañados do deputado de Cooperación, Santos Héctor.
Os novos vestiarios e aseos comezarán a utilizarse de inmediato tanto polos traballadores/as do cadro de persoal do concello, como polo persoal temporal que reforza os servizos de Obras e Limpeza no marco da Liña 3 do Plan Concellos da Deputación ou os contratados temporais procedentes da Renda de Integración Social de Galicia (Risga).
As obras transformaron algo máis de 70 metros cadrados do semisoto da nave de Guillarei, dándolle unha nova vida tamén a unha zona infrautilizada. A nave dispón agora dun vestiario grande e outro pequeno que serán utilizados, en función das necesidades. Ata o de agora todo o espazo presentaba un progresivo deterioro por mor das humidades nas paredes, solo desgastado, carpintarías rotas, instalacións sanitarias esgotadas e defectos en útiles como espellos, dispensadores de xabón, etcétera. Ademais nesta mesma zona había un pequeno arquivo que foi trasladado ao Centro de Formación para gañar espazo.
 Os traballos permitiron solucionar todos estes problemas e dotar aos vestiarios de modernas duchas e tamén extractores para mellorar a ventilación. Ademais disto construíuse un falso teito de escaiola, cambiouse a instalación eléctrica e anuláronse unhas escaleiras interiores.